A Nasa celebra dez anos como sala alternativa de servicios artísticos

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

JORGE PAMPÍN

Este espacio independente naceu en Santiago para programar teatro, música e danza Máis de 4.000 artistas e 120.ooo espectadores consolidan unha traxectoria única

04 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A Nasa está de cumpreanos. A primeira sala alternativa de Galicia, aberta en Santiago en outubro do 92, celebra esta noite dez anos de vida, 1.150 días de actividades ó longo de dez temporadas de programación de teatro, música e danza, abrindo os seus escenarios á liberdade creadora das novas linguaxes escénicas e procurando un espacio independente e libre de condicionamentos comerciais e políticos. Os comandantes desta Nave de Servicios Miguel de Lira, Cortés e Xesús Ron, acompañados da cantante Uxía Senlle, unha das invitadas á festa-concerto que celebran a partir das 22 horas de hoxe no seu «peirao» de San Lourenzo, resumiron un balance desta década suliñando como o feito máis importante que a Nasa «consolidouse como un espacio para a creación que funciona con absoluta independencia». Non se lamentaron de nada, pero deixaron constancia de que dos arredor de 150.000 euros de presuposto anual, a penas un 18% procede de axudas públicas e un 11% a patrocinios privados coma o de Caixanova, xerando o 71% restante con recursos propios. Daí que loubarán especialmente ó público de Santiago, «que respondeu dende o primeiro momento» e fixo posible que a Nasa «pasara de ser unha iniciativa marxinal a ocupar un lugar central na dinámica cultural da cidade», e ser un referente en Galicia. Un promedio de 14.000 espectadores por temporada e un total de 120.000 acumulados en dez anos dan boa conta da actividade desta sala alternativa, pola que só no apartado musical pasaron 4.000 artistas de 19 países de todo o mundo, agás Oceanía, entre os que lembraron a Manu Chao á fronte de Mano Negra, Los Enemigos, que gravaron na Nasa o seu disco de despedida; Siniestro Total, Os Resentidos, Kepa Junquera, Paquita la del Barrio, Os Diplomáticos, Sérgio Godinho, Albert Plá, Leilía, Fátima Miranda, Uxía, Víctor Abundancia, Sexy Sadie, Manta Ray, Chucho ou José Soto« Sorderita». No eido escénico é «un dos motores creativos do teatro galego, da mostra do portugués e do español máis comprometido e anovador, que doutro xeito non tería chegado a Galicia».