Luis Iglesia é un dos grandes profesionais da escena galega. Se Terra de Miranda axudou a consolidar a súa imaxe coma unha das máis populares na pantalla -no papel de Antón, xente da cooperativa- a súa voz acompáñanos dende hai moito máis tempo, xa que é un gran actor de dobraxe. Agora temos de novo a oportunidade de pór rostro a esa voz de forte presencia e magnetismo. A sincronía é total. -Fálenos da súa traxectoria ata «Terra de Miranda» -Levo xa dezaseeis anos coma actor de dobraxe, facendo as voces de Harrison Ford, Mel Gibson...Tamén fixen moito teatro, con compañías coma Teatro de aquí, do finado Roberto Vidal Bolaño, ou o CDG. Presentei programas na TVG coma Rapaces o Cousa Cousiña , protagonicei Un mundo de historias , fixén papeis episódicos en series coma Mareas vivas e despois algunhas curtas e cine, coma O regalo de Silvia ... -¿Que lle pasa a un pola cabeza para querer ser actor? -Hai unha cita de Shurleffer que di que os manicomios teñen unha cousa en común coa interpretación, e que é que neles pode entrar todo o mundo pero só os tolos permanecen dentro. -O seu porte é o de un galán clásico ¿Que clase de personaxes lle gusta interpretar? -A voz manda... estou acostumado a facer personaxes de moito carácter. A pantalla tamén fai moito.... Pero en realidade prefiro facer de todo, non encasillarme, canto máis dispares sexan os papeis, mellor. Interpretar un personaxe que non es ti é como armar un esqueleto por pezas. -¿Ten novos proxectos? -Si, claro, ¡Trece capítulos máis de Terra de Miranda ! Tamén teño cine pendente. -¿Que pode dicirnos do seu personaxe, Antón? -¡Os dous somos da mesma terra! Traballar facendo un personaxe da túa mesma terra é moi agradecido. É unha maneira de render homenaxe os heroes do cotián, a xeración dos que agoran teñen trinta e corenta anos e que decidiron ficar e sacar adiante as vilas e pobos. Por outra parte penso que aportei a Antón rasgos interpretativos, cousas que non apreciamos destas xentes, como a humildade, a busca do ben común. -¿Que vai a ser de Antón na nova tempada que empeza hoxe? -Ata agora Antón foi un personaxe algo ríxido, non coñeciamos moitos aspectos del. Outras facianas, coma Antón na súa vida afectiva e familiar, máis próximas, amosando as súas debilidades van saír a relucir nos novos episodios.