«Un escribe do que sabe e do que é, tratar de impostarse é pernicioso»

Concha Pino SANTIAGO

TELEVISIÓN

PACO RODRÍGUEZ

O autor da novela histórica «Branca de Loboso» asegura que rendeu o menor tributo posible ás modas literarias, «e daquela foime mal»

17 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) publicou Branca de Loboso , a literatura galega recupera o formalismo e incorpora a novela histórica. A obra, gañadora da primeira edición do premio Álvaro Cunqueiro de narrativa en 1991, «trata de reconstruír _explica o autor_a prosa galega que non tivemos nos séculos XVI e XVII, e pola necesidade de darlle expresión literaria a unha época». -¿É a novela máis representativa da súa producción? -Coido que si, sobre todo porque foi moi innovadora, en canto que lle da protagonismo á muller como personaxe central e á voz do pobo. Branca de Loboso é unha novela histórica de orientación barroca, pero sobre todo é a novela da dignidade humana, unha constante ó longo da miña obra, e incorpora o humor como un elemento esencial, un humor crítico, de ironía fina, como recurso defensivo. Dende logo foi unha inflexión na miña traxectoria como narrador, e ten continuidade nas dúas novelas publicadas dous anos despois baixo o título As sombras do barroco, que completan unha triloxía. -Primeiro foi poeta, ¿a narrativa é máis unha necesidade de contar que de crear? -Alterno a prosa coa poesía cando necesito descansar, pero sempre volvo á poesía, incluso non a deixo nunca, porque aínda que os críticos máis ecuménicos aseguren que en ningún caso se deben mixturar ambos xéneros, eu creo que é inevitable que un poeta escriba á vez prosa poética, porque se é poeta sempre. E cada vez é máis habitual que se faga así. A obra máis recente é prosa, Como levar un morto , novela que tamén recupera a memoria do pasado, da guerra e a posguerra civil ata os conflictos da democracia. -¿O grupo poético Cravo Fondo, do que vostede formou parte, non nacera nos 70 fronte o socialrealismo? -Xurdira como necesidade dunha reacción fronte ó realismo crítico, como unha chamada de atención respecto das formas discursivas e cursivas. O realismo crítico fixera dano a expresión poética, vulgarizara demasiado a expresión. Marcamos unha nova orientación no coidado expresivo, porque temática pódese abordar a que se queira, pero hai que esixir un coidado literario porque, en definitiva, os escritores traballamos coa palabra, e descoidar as formas é moi grave en literatura. Os membros de Cravo Fondo foron grandes voces poéticas, que continuaron publicando poesía, cousa que non pasou con outros grupos, ben porque calaron ou porque se pasaron á narrativa. -¿Pagaron un prezo por ir a contracorrente? -A nosa forma de facer literatura marcouna o tempo que vivimos, non se pode fuxir deso, porque a literatura é sobre todo experiencia persoal. Se cadra pagamos o prezo da postergación, porque houbo un momento de fuxida da experiencia, de fuga ó verbalismo poético, que tamén é negativo. Hoxe, afortunadamente, as cousas volveron ó seu cauce. Eu sempre rendín o menor tributo posible a modas literarias, e daquela foime mal. Un escribe do que sabe e do que é. Se un trata de impostarse é pernicioso. -¿Como ve a poesía hoxe? -Moi ben. Hai unha pluralidade de voces e de temas moi importante, e ademais de calidade. É un momento moi afortunado. Tamén a narrativa vive un gran momento, sobre todo no relato breve, un xénero no que están os nosos mellores narradores, tanto se pensamos nos clásicos coma nos actuais, coma son Casares e Ferrín. E deberamos persistir nesta liña, sen empeñarnos en escribir a novela de dúas mil páxinas, porque non é estrictamente necesaria. -Ténselle calificado de escritor militante. ¿De que, de sentimento á terra, quizais? -Son militante na defensa da dignidade humana. Nese sentido si son militante. Só neso. As miñas novelas entran en conflicto coa realidade, e as de tema histórico son extrapolables á actualidade, porque os conflictos, no fondo, non deixan de ser os mesmos.