Frustración e impotencia

VICTORINO PÉREZ PRIETO

TELEVISIÓN

03 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Aos poucos meses de aparecer, Turbo ocupou os primeiros postos na lista de libros en galego máis vendidos. O autor, vello compañeiro de estudios, enviárame daquela un recorte dun xornal madrileño no que a súa obra ocupaba o primeiro lugar entre os libros de ficción e un ensaio meu ( A xeración Nós. Galeguismo e relixión , publicado por Galaxia) o primeiro entre os de non ficción. Turbo é una narración con ingredientes suficientes como para acadar un éxito inmediato: un ex-cura casado cunha moza de alterne, un ex-seminarista delator que chegou a Conselleiro, un banqueiro corrupto, contrabandistas e o narcotráfico na ría de Arousa de fondo, xunto cunha linguaxe de malfalados que repiten un taco cada tres palabras. A ousada estructura e linguaxe narrativa levou a que a crítica fora desigual no xuízo da obra, pero a acollida do público foi moi grande. A novela de Suárez Abel é unha historia triste; é o relato da decadencia dun home ata rematar en traxedia; unha historia de frustración e impotencia, amor e odio nun mundo marxinal.