Lembranza de Filgueira

XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA IGLESIAS

TELEVISIÓN

Naceu meu pai no seo dunha familia acomodada de Pontevedra no ano 1906. Fillo de médico con ampla cultura, tivo acceso dende moi novo ás tertulias do seu tempo na casa dos González Besada, a casa dos De la Sota, e ó mesmo tempo estaba moi vencellado por familia ó rural pontevedrés, o que lle permitiu zugar o celme das dúas culturas, a rural e a urbana, da Pontevedra do seu tempo. Na súa nenez a principal característica foi ter un grande contacto con persoas moito máis vellas ca el e que influíron de forma notable na súa precocidade literaria: as primeiras publicacións datan de 1923, cando contaba 16 anos, e a súa primeira colaboración en Nós foi no ano 26. A obra Quintana viva foi escrita en dúas fases diferentes: «Os nenos», editada en Pontevedra no ano 25 e adicada ós «nenos de Irlanda» que vivían horas difíciles por mor do seu nacionalismo, e unha segunda e terceira parte que sendo tamén relatos de cativos están escritos en prosa poética, como el lle daba en chamar. Non obstante, dado que todo escrito comeza desde a primeira páxina e sendo meu pai un home consciente diso recoméndolles que comecen a lectura desta Quintana viva dende a primeira páxina xa que son as propias palabras do autor as que mellor poden dar conta do senso da mesma.