Normalización mítica

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

TELEVISIÓN

13 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A novela de Víctor F. Freixanes require do lector unha vontade inicial (iniciática, tal vez) de comprensión dalgunhas pezas da súa estructura, coma o narrador, función que neste caso recae no defunto Basilio Vilariño. Asumido este recurso, que de contado vemos que se xustifica pola súa rendibilidade épico-simbólica, xa nos imos aquerenciando co desenvolvemento diexético do relato, co pracer do texto e da textura, coa epopeia de fondo que nos regala o libro. Non lle interesou a Freixanes facer unha simple novela realista, porque o realismo non ve máis alá do que hai, e, se nos paramos a pensar, o que hai está sempre máis alá. Ou sexa, no subsolo da realidade: no mito. Fomos expropiados dos nosos mitos e o libro, no fondo, propón a súa restauración, porque un país tamén se sostén sobre estructuras míticas e non só sobre (sórdidas) verdades. Que reclamemos a normalización lingüística do país resulta moi lexítimo e necesario, pero ó mellor estamos empezando a casa polo tellado. O que habería que propiciar é a normalización mítica para coñecer os contidos épicos do noso inconsciente colectivo. O piloto Basilio Vilariño pode levarnos ó descubrimento dalgún deles. A descubrirnos a nós mesmos en parte. Di Richard Ford que un libro só é un gran libro cando despois de lelo somos outra persoa. É o que pasa con A cidade dos Césares .