«O meu primeiro impulso para escribir é a curiosidade»

Camilo Franco BRIÓN

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

«Creo que a épica de Galicia é a emigración. Aínda está por escribir a novela dos galegos en Buenos Aires, algo que tería un certo tono como "O Padriño"»

13 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Freixanes é un novelista caudaloso. A cidade dos césares é unha demostración dun caudal histórico ficcionado que busca a cara oculta dos espellos da historia. -¿Vai cambiando a novela cos anos? -Con esta novela pasou unha cousa moi curiosa: cando lle deron o premio Torrente Ballester, leváronma das mans. Eu presentárame a este premio un pouco polo morbo e polo desafío de competir co castelán. A novela tivo a sorte de ser premiada e a partir dese momento comeza a acelerar os ritmos e tes que publicala. Eu era consciente de que había algúns problemas. Problemas do que eu considero ás veces que é un exceso de retórica. Lida con tempo, eu creo que é a miña mellor novela, en canto a ambición, a estructura, a coerencia interna. Sendo consciente tamén de que é unha novela cuns determinados rexistros literarios. Pero eu nunca quixen reimprimila, esgotouse a primera edición aquel ano e sempre quedei pendente de retocala, pero metido xa en faenas de dirección de empresa, foise adiando, foise adiando, ata que tiven certo vagar a volvín a meterme nela. A miña idea foi entón meterme máis a fondo nela. Ó volver a lela encóntrome con que ten unha entrada que esixe do lector un certo esforzo, quizais sexa unha limitación, pero en canto entras a atmósfera vai conseguindo eso que eu prentendo: unha novela coral sobre un colectivo humano a partir dun relato. A novela está contada por un difunto que dialoga con outro, por tanto non é relato lineal, así que ata que descobres o truco do relato nos dous planos con cen anos polo medio, necesitas dun lector especial. Aínda que eu son dos que creo que o lector é un creador xunto co autor. -Na novela hai unha epopeia que, de entrada, semella moi distinta de Galicia, pero de fondo non se fala de outra cousa. -De todas as novelas que escribín esta é a máis rigurosamente histórica. O 90% dos feitos, o 80% dos personaxes son rigurosamente reais e están documentados, incluídos os labregos. María de Aneiros ou Pascuala de Campos aparecen nos documentos dos barcos que saíron do peirao da Coruña para as colonizacións da Patagonia. Trátase de trasladar toda a ilusión, toda a frustración, toda a épica da Galicia dun tempo alí. Eu son dos que creo que a épica de Galicia é a emigración. Hai cousas de Lesta Meis, Neira Vilas ou de Luís Seoane, pero creo que aínda está sin escribir esa gran novela do galego de Buenos Aires, algo que tería un certo tono de O Padriño . Eu tomei un relato que me quedara colgando da época do Triángulo inscrito na circunferencia , cando descobrín a historia daquelas familias que marchaban enganadas, porque a Coroa lles prometía cousas marabillosas, como dúas colleitas ó ano e terras con dereitos nobiliarios. Era unha especie de delirio que se ía pregoando polas aldeas. -Eso esixe un labor de documentación moi grande. -Hai que loitar contra algo que ás veces é onde ti estropeas as novela. Cando a documentación da historia é tan poderosa que te pode a ti como escritor. É un risco. Hai un momento no que tes que lembrar que estás escribindo unha novela. Aí mídese o escritor contra a historia, porque aquelo de que a realidade supera á ficción é certo. En algún momento, o escritor perde a batalla co periodista, porque en certo sentido esta escrita é un labor de periodismo histórico. O meu primeiro impulso cando escribo é a curiosidade por descobrir algo insospeitado.