A unha boa parte do surrealismo faltoulle humor para sobrevivirse. Faltoulle humor e sobroulle éxito ou tíos listos. O surrealismo reaparece de cando en vez, así como etiqueta ou lugar común, sin que ninguén chegara nunca a explicalo de verdade. Outras veces deixase mirar agachado entre outras cousas, como unha corrente vital que aínda dá para interpretar o mundo. Máis ou menos así aparece en Bar de lágrimas , dos andaluces Los Ulen, unha montaxe que alumbrou a noite dominical da Mostra de Teatro de Ribadavia pasando por baixo do arco do humor tópicos, costumes, cancións e situacións. Humor negro e surrealismo, por citar de memoria. Pero quizais sexan cousas semellantes ou mesmo a mesma. O humor da obra é negro como o futuro e os diálogos son surrealistas como unha bicicleta sen cadea. Bar de Lágrimas anima a foliada do humor negro coa parodia. Cousas que se mesturan entre o esperpento e a parodia. Son paródicos os personaxes e aínda entran máis nesa espiral divertida ó volver a parodiar a outros, máis ou menos prototípicos ou recoñecibles. A cousa dispárase tamén polo lado de certo absurdo cotidiano, lixeiramente esaxerado pero tampouco tanto que distorsione o evidente. Xusto aí donde as cousas de cada día contrastan con algunhas das intencións que pasan pola cabeza e que non saberemos nunca se teremos o valor de levar adiante. Bar de lágrimas é un lugar que está no medio da nada e no centro de todo. Un lugar para todos e para ninguén. Quizais por eso tan recoñecible, tan improbable, tan sorprendente e por eso tan perversamente divertido. BAR DE LÁGRIMAS. Compañía Los Ulen. Domingo, 21. Mostra de Ribadavia