Anxo Angueira, escritor de «Pensa Nao» O rechouchío dos paxaros cerca Mansella nas mañás de verán. Contra o fondo da paisaxe o final da ría de Arousa mansamente presta azul a tanto verde. A harmonía do val só quebra pola vía rápida que busca o mar en Ribeira e alén. A descripción pode ser bucólica pero non gratuíta. Manselle é unha xeografía vital para a literatura de Anxo Angueira. «Pensa Nao» ten varios protagonistas: o galego recuperado, a ilusión por unha patria en marcha e con horizonte, pero tamén un pobo deitado nas caeiras da vida e da paisaxe. Unha paisaxe que, como piden os académicos é idiomática, moral, política. A paisaxe como circunstancia.
21 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Angueira ten en Manselle (no Concello de Dodro) unha paisaxe definitiva. Un universo que responde á vella frase de que o máis local é tamén o maís universal. -En «Pensa Nao» danse dúas liñas: unha aposta polo idioma e outra pola reconstrucción dunha época. ¿A novela cumpre eses cometidos como cando a pensou? -Totalmente. Era unha aposta arriscada idiomaticamente, pero a penso manter no futuro. Desde o punto de vista político, a novela segue totalmente vixente. Dialectismos -Desde a perspectiva idiomática, entre «Bágoas de facer illas» e «Pensa Nao» hai unha diferencia que podería calificarse de brutal. ¿Esta proposta de idioma en «Pensa Nao» respondía a unha necesidade ambiental ou a unha intención de recuperación lingüística? -Efectivamente, hai unha compoñente na lingua desta novela que responde ás características da época na que está ambientada. Hai mesmo un uso de dialectalismos que teñen a intención de retrotraer ó lector á época da novela. Daquela non había un estándar para o galego como hai agora, así que hai formas lingüísticas que obedecen ás necesidade de ambientación da novela. Sen embargo, estou traballando agora nunha novela actual e, neste caso, os criterios lingüísticos non son eses, aínda que a aposta de fondo de recuperar léxico e sintaxe vouna manter. A sintaxe -O léxico e sintaxe de «Pensa Nao» proceden desta zona, de Manselle e arredores. -Básicamente. Pero tamén da literatura que se escribíu por aquí, de Rosalía, Castelao, doutras literaturas galegas e incluso hai formas dialectais portuguesas. -Tamén hai pequenas fugas idiomáticas dos arxentinos que regresaron e que falan galego con certos deixes. -Ós arxentinos non os caractericei moito idiomaticamente. Non é unha novela dialectal que corresponda con esta zona. Creo que é supradialectal, pero ten ese toque, rompe un pouco coa normativa, que se alonxa do estándar. -E para conseguilo tivo que recuperar idioma, investigar facer un esforzo suplementario, porque este non é un galego cotidiano. ¿Vostede precisou dun traballo especial para afrontar este reto? -En parte xa o pedía a propia historia. Logo, penso que un escritor ten que traballar sempre coa lingua. A lingua é esa materia, esa madeira que o escritor como traballador ten que coñecer, ten que ter competencia para tratala. Esto é fundamental. Eso valo facendo diariamente coas túas lecturas, coas conversas coa xente cercana, do pobo. -Pero escribir lonxe do estándar de hoxe pode supoñer unha perda de comprensión. -Entendo que si. Que requiere un esforzo importante. Que hai un vocabulario que arrisca. Os comentarios que recibín neste sentido viñan a dicir que era un esforzo que pagba a pena. Porque o vocabulario que utilizo aínda existe, non está morto. Aínda está vivo en moitos pobos de Galicia.