Pensa nao, reivindica a memoria heroica dos vencidos, mediante o tratamento epopeio do que foi impedido, destruído, polo alzamento franquista que desembocou na Guerra Civil. Situada a trama mos meses inmediatamente anteriores ao comezo da confrontación, as personaxes de Anxo Angueira fan casas, destilan viño e augardente, coidan o gando, constrúen fábricas e gamelas e teñen en proxecto adquirir unha malladora mecánica, son unha sociedade esrtructurada, organizada, que progresa...coa ameaza do inxusto terror bélico ao fondo, como ben sabe o lector e as personaxes presinten, como os mellores mestres da traxedia ensinan. Novela da terra Nada clásica é, sen embargo, a escrita desta novela de terra que nunca perde de vista a referencia do mar. Cincelada coa precisión estilística propia do mellor ourive verbal, Anxo Angueira abriu a terra para rescatar a lingua; despois entregou, ese tesouro buscado con mimo, ás xentes de Dodro Vello, de Sernanselle, para que habiten unha novela que é súa porque son as súas vidas quen a fai. Por iso, ler Pensa nao é moito máis que ler unha novela. Fóra retóricas gabanciosas, é visitar, vivir e comprender Dodro Vello, Sernanselle; é participar na historia. Escrita comprometida Non ten vocación de pasatempo. A gañadora do Premio Xerais de 1999, posúe unha escrita comprometida, consciente, solidaria, sentida, orgullosa, que supón unha das cotas de meirande altura, nese cada vez máis amplo grupo de títulos sobre a Guerra Civil e as súas consecuencias, na renovación do realismo, na historia da novela galega.Garda en si momentos de inesquecible instensidade dramática, lírica e estilística. XOSÉ M. EYRÉ, é profesor e crítico literario