«Estou cheo de dúbidas»

VERÓNICA MILO A CORUÑA

TELEVISIÓN

KOPA

Xosé M. Martínez Oca, autor de «Náufragos en terra». As páxinas de «Náufragos en terra» énchense con moreas de amores imposibles e con historias que nacen dos pequenos momentos do cotiá. Martínez Oca non precisa para escribir relatos máis que un paseo pola beira do río e os recordos de lendas que nalgún momento xa escoitara. Por esas lembranzas dun pasado que «nunca foi mellor» xa non se preocupa hoxe, pero segue a intentar que a literatura lle axude a entenderse a sí mesmo. O pracer de fuxir da rutina e de expresa-las súas dúbidas o empuxan a escribir.

16 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Manuel Martínez Oca (A Estrada, 1942) é un dos escritores galegos que máis premios recibiu coas súas primeiras novelas. Pero este recoñecemento chégalle sempre de quen ten ó seu arredor porque el mesmo é o seu crítico máis feroz. «A idea que fai que siga escribindo é que penso que aínda non conseguín a obra que quería. E xa van sendo horas». -Non parece que esteamos a falar cun gañador do premio Blanco Amor. -O dos premios tan só quere dicir que a alguén lle gustou máis o teu libro que outros. Non lle dou máis importancia. Pero axudan a que publiquen o teu traballo e, para alguén que non ten axente literario coma min, iso é importante. Hoxe preocúpame menos que os meus libros saian ó mercado. -¿Qué é entón o que o empuxa a escribir? -Se non escribise non sabería qué facer. Un escribe porque o necesita, aínda que logo non vaia a ningún lado. Tódolos que publicamos temos un defecto tremendo, xa que non sempre sabemos romper o que escribimos. -¿É desta necesidade de escribir de onde nace «Náufragos en terra»? -Sí, o que pretendía era falar da fraxilidade das relacións humanas. É o libro de relatos do que estou máis satisfeito. Os amores imposibles danlle unidade. Pero en realidade cando comezo a escribir nunca teño unha idea determinada do que vai saír. Estou cheo de dúbidas. Así que escribo tanteando, sen saber moi ben que é o que busco. -¿Que hai nestes seis relatos do propio Martínez Oca? -Eu son o que os escribe e sempre hai algún fragmento ou idea que pode ter que ver coa miña vida. En realidade son os estímulos externos os que desencadean o proceso de escritura. Pequenos feitos coma un paseo á beira do río que me recorda historias pasadas. Pero aínda que haxa algo meu, está tan maquillado que acaba por non selo. Para escribir hai que ser un mentireiro. -O retorno a un pasado idílico aparece de xeito recurrente na súa obra. ¿Calquera tempo pasado foi mellor? -Non o creo. Aínda que vexamos un retroceso en moitas cousas, sempre imos cara adiante. É como quen soña coa liberdade e cando a acada dase de conta de que está escravizado por outras situacións. Pero ás veces un sen decatarse ten a teima de magnificar no pensamento aquelo que xa viviu. E realmente é unha falsedade tremenda. Cada vez quero pensar menos no pasado pero é algo que está aí. De feito, na miña próxima novela, O tempo en ningunha parte , contaráse a historia dun home en busca do pasado dos seus ancestros. -¿De onde xorden as mellores novelas? -No meu caso a maioría dos temas véñenme á mente mentres viaxo. Cando te encontras en situacións pracenteiras coma unha viaxe, podes atopar moitas cousas sobre as que escribir. Pero nunca sei qué será o que se me vai ocurrir posteriormente.