«Despois dos clásicos gregos todos lle damos voltas ó mesmo»

La Voz

TELEVISIÓN

16 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé M. Martínez Oca defínese a sí mesmo coma un «plaxiario compulsivo». Ás veces vese incluso influído por autores que nin sequera lera con anterioridade. «Teño atopado pola casa textos manuscritos por min mesmo cos que pensaba que podería comezar unha boa novela e ó fin darme de conta de que pertencían a outros autores», comenta. -Nalgunha das súas obras sinala ó rematar unha chea de frases que tomou «prestadas» doutros autores. -E un dos contos de Náufragos en terra saqueino dunha historia que alguén me contara. Penso que todos, e desde sempre, estamos plaxiándonos os uns ós outros. A partires da Ilíada e da Odisea sempre lle estamos a dar voltas ó mesmo e non facemos nada novo. -¿Cales son pois os autores que máis influíron en vostede? -Fun un lector bastante anárquico e as lecturas adolescentes son as que máis me tocaron. Quizais escritores da literatura universal como Dostoievski. Pero me encantaría que tamén se notara na miña obra a influencia de Xosé Luís Méndez Ferrín porque para min é un grande da literatura galega. Aínda que non sexas consciente todo te inflúe. Mesmo unha noticia de prensa ou unha columna que les no xornal. -¿Como ve o panorama da literatura galega actual? -Aínda que vexo o futuro da lingua moi negro e quizais o galego logo teña que morrer, antes de que esto pase temos a moitos escritores moi bos. Xosé Carlos Caneiro, por exemplo, paréceme un animal literario e un dos autores máis serios que temos en Galicia. Tamén destacaría nomes de xente nova coma Xurxo Borrazás ou Xabier Queipo. -¿Entón non cre no futuro da lingua? -Din que polas causas imposibles son polas que paga a pena loitar. Non sei se o galego é unha causa imposible pero sí creo que paga a pena loitar polo seu futuro e neso estou eu e tamén moitos outros.