Os versos de Rosalía abriron por primeira vez o acto conmemorativo do aniversario do pasamento da escritora, neste caso o 67, celebrado onte na Casa Museo de A Matanza, en Padrón. Os fieis devotos da autora déronse cita na Hortiña da Paz para asistir a un acto «íntimo», case «familiar» que ano tras ano vai gañando máis seguidores. Non obstante, o 15 de xullo, «día grande de Rosalía» en palabras do profesor Xesús Alonso Montero, puido selo máis se viran a luz dúas publicacións que estaban para facelo e que non sairán ata o próximo outono. Trátase do segundo número da Revista de Estudios Rosalianos e mais unha antoloxía bilingûe das principais obras de Rosalía, feita por Helena Villar e Xesús Rábade, que xa pasou as primeiras probas de imprenta. Foi, precisamente, o director do Centro de Estudios Rosalianos o que fixo unha consideración despois refrendada polo presidente da Fundación Rosalía, Sixto Seco, en torno ó pouco apoio que prestan os organismos «oficiais e non oficiais» á institución de Padrón, pese a que os seus responsables se sinten autorizados para falar de Rosalía como «a nosa palabra», segundo Alonso Montero. O profesor mesmo inventou o nome dunha fundación para ilustrar que existe unha ben preto do «santuario» rosaliano que recibe o «95% das subvencións» adicadas en Galicia a estas entidades. O acto pechouse co descubrimento dunha placa de homenaxe a Octavio Sanmartín, cuarto presidente da Fundación Rosalía que reuniu en Padrón, entre outros, ó presidente da Real Academia Galega, o do Consello da Cultura, o subdelegado do goberno, o director xeral de Política Lingûística e ó arcebispo de Santiago.