Sofía Baquero , viúva de Antón Avilés de Taramancos Sofía Baquero, colombiana de orixe, é a viúva de Antón Avilés de Taramancos, ó que se lle dedica a vindeira edición do Día das Letras Galegas. Precisamente foi en Sudamérica onde coñeceu, hai 42 anos, ó que logo sería o seu home. Dende 1980 vive en Noia, a onde regresou con Avilés e os seus tres fillos para rexentar un negocio hosteleiro, a Tasca Típica, que traspasou hai tres anos. Sofía Baquero recorda que «coñecémonos en Bogotá no ano 1960. Por casualidades da vida, el foi traballar á embaixada de Brasil. Vinte días despois, cheguei eu ó mesmo emprego». Desde enton, a vida do escritor estivo unida sempre a ela.
14 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Sofía Baquero segue a ser moi querida por tódolos noieses. _¿Como foi a súa vida en Colombia? _Os primeiros dez anos vivimos en Bogotá, e despois outros tantos en Cali. Cando fomos a esta última cidade, Avilés díxome: «De aquí iremos a Galicia». No ano 1974 Avilés veu á súa terra a visitar ó seu pai enfermo. Dous anos despois levoume con el para pasar aquí as vacacións. Á volta a Colombia el preguntoume qué me parecera Galicia. Eu contesteille que en xeral parecérame ben, que había unha xente moi amable, que o pasara moi ben... pero ó principio non pensaba que fósemos quedar aquí definitivamente. _Pero, ó final, acabaron vindo a Noia. _Eu sabía que Avilés tiña a ilusión de volver. Cando os nenos comezaron a medrar, el dixo que quería levalos a Galicia. Un día, sen pensalo moito, viñémonos. Se o pensáramos, ó mellor, ficaríamos alá. Os nosos fillos xa tiñan doce ou trece anos e se facían alí os seus amigos, despois xa non quererían ir. Avilés merecíase volver a Galicia. Cando chegou o momento, aceptei, porque comprendía que el levaba vinte anos en Colombia e quería regresar á súa terra. _¿Vostede tiña morriña do seu país? _Eu botaba de menos moitísimo Colombia, pero tamén é certo que estaba co meu home e os meus fillos. Costounos un pouco adaptarnos. Aquí chegamos en inverno, cun clima moi diferente ó sudamericano. Pero eu creo qe o asimilamos ben, sobre todo os rapaces. Quizais a peor parte leveina eu. _¿Como pasou os primeiros anos en Galicia? _En marzo de 1980 chegou a Noia Avilés e colleu a Tasca Típica. Mentres, eu, en Colombia vendín a casa. Reunín o diñeiro e vinme o 15 de agosto. Foi cando nos encargamos da tasca. Ë principio foi bastante duro, pero creo que me amoldei facilmente, aínda que a Avilés tamén lle supuxo bastante cambio. Pasou de ter unha librería e papelería a encargarse dun bar.