Un referente por enriba da música

La Voz

TELEVISIÓN

21 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Os perto de 361.000 euros (60 millóns de pesetas) a que ascende o presuposto desta edición fan posible que o Concello de Ortigueira produza un festival que se reafirma na liña emprendida no 2000 de facer trascender o Festival do Mundo Celta máis aló de Galicia e convertilo, como suliñou Carlos Núñez, nun referente, porque os festivais celtas «marcaron un novo estilo de vivir e conectar esta música coa xente máis nova». Para o gaiteiro vigués, «a música celta representa unha vontade de soñar e de compartir un xeito de vivir e de imaxinar a música». Por iso en Ortigueira non pasa todo polos escenarios principal e o dedicado ós grupos novos. Os desfiles de bandas de gaitas dos países celtas, as aulas de danza ó aire libre, os pasarrúas e a música de espontáneos convirten a vila de 2.000 habitantes nun espacio máxico e cheo de vida, coa afluencia de milleiros de persoas, que este ano agardan que sexan tantas como as 65.000 do pasado ano. Neste edición volve a haber espacio para a fotografía, cunha exposición na sala do Concello do fotógrafo Xulio Villarino. O concelleiro de ortigueira Rafa Girón lembrou que o Concello «fai un esforzo moi grandes, porque todo é gratis para os que acuden o festival, agás o que consuman, porque o cubata non lle lo imos pagar, claro».