Na narrativa de Xavier Queipo temos que sinalar dúas características fundamentais: a súa decidida e desbordante vontade narradora, froito sen dúbida de ser un auténtico escritor vocacional, e a procura case obsesiva por romper as pautas coñecidas da narración para crear novas estructuras, novas formas narrativas e novas canles de comunicación. Por isto mesmo, cremos que é hoxe un dos máis sólidos valores con que conta a nova narrativa galega, á que contribuíu coas súas tres mellores novelas, O paso do noroeste, Malaria sentimental e Papaventos . Pero, sen dúbida, o que máis chamará a atención do lector da obra completa de Queipo son as enormes diferencias entre a altura sublime á que ás veces chega e a prosa que, noutras ocasións, nos deixa indiferente. Isto mesmo pódeo sentir o lector de O ladrón de esperma , pois, eu tamén, cando decidimos dar a O ladrón... o premio Café Dublín, na súa edición de 2000, tiven esa sensación de disparidade.. De todo o anterior deduciriamos que, en realidade, Xavier debería converterse en escritor profesional e dedicarse só á literatura. Ou ben, en caso contrario, por ser a posibilidade anterior remota, e dado que xa conta cunha obra considerable, debería entón escribir menos, ou seleccionar máis, e darnos só o sublime... Teriamos entón un dos mellores escritores galegos, un digno valor exportable, e unhas obras de calidade incuestionable. Neste sentido, espero de Xavier obras memorables para a literatura galega. XOSÉ FEIXÓ, profesor de galego