MANUEL AMOR COUTO, profesor de Ensino Secundario no I.E.S. Xelmírez II (Santiago)
04 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Ferrín de quen coñecíamos Tagen-Ata ¿ese extraordinario mundo fantástico que reflexaba a nosa realidade nacional¿ foi capaz nos noventa de situar as suas constantes temáticas, ideolóxicas e estéticas nun novo contexto, unha nova xeografía na que se funden e matizan tanto a personalísima literatura de Ferrín como a presencia que a terra, na súa materialidade xeográfica e humana, tivo sempre na literatura galega. Aí está a fronteira galego¿portuguesa; Ferrín sabe tirar desta idea de fronteira, de límite, todo o proveito do mundo; porque esta liña divisoria ¿diríamos nós: calquera fronteira¿ se configura como punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Constantes literarias Serven aquí para por en marcha todas as constantes literarias, ideolóxicas e existenciais de Méndez Ferrín: as escisións entre realidade e soño ( O militante Fantasía ), entre o presente e un futuro escrito e antecipado ( O castelo de poulas ), entre unha reacción e un progresismo que poden ser paradoxalmente coincidentes en tanto que exemplos de integridade na rebeldía e no fracaso ( O exclaustrado de Diabelle ), a oposición radical tinxida ás veces de atracción /seducción ¿entre o oprimido e o resistente dun lado e as variantes brutais ou refinadas do terror fascista ( Eles, Botas de elástico )¿, a angustia da disolución da identidade (Lobosandaus ) ou a confusión nas complexas relacións tecidas entre un grupo determinado de persoas ( Quinta velha do Arranhão ), a normalidade físico psíquica e a consciencia da anormalidade e do horror unido ao amor ( Liño ). Quizais ninguén escriba nun galego tan claramente recoñecíbel e rico, e con poucos autores sentimos estar lendo un auténtico clásico, un exemplo do mellor da literatura, unha testemuña do que nós somos.