FIEL A SARMIENTO

La Voz

TELEVISIÓN

21 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

En Arredor de si, Adrián Solovio ve como a súa vida se transforma a medida que a lingua galega lle axuda a tomar conciencia de Galicia e do seu lugar no mundo. A importancia que Otero Pedrayo lle confire á lingua ten as súas raíces en diversas fontes culturais. Nembargante, soamente unha delas é galega de orixe: Martín Sarmiento, curioso romántico avant la lettre. A tenacidade coa que Sarmiento defende a dignidade da lingua galega nas súas obras adicadas á etimoloxía e lexicografía galegas é un modelo e precursor natural do galeguismo prebélico. Unha receita que Otero Pedrayo adoptará con fidelidade. Saber e falar galego Don Ramón Otero Pedrayo repara na defensa que Sarmiento fai do galego oral do seu tempo, defensa que revindica a existencia dunha lingua de seu coa suficiente homoxeneidade no século XVIII, antes que unha variedade caótica de múltiples formas dialectais. Segundo Otero, Sarmiento «sostén a tésis da necesidade fundamental de que a Galiza seipa e fale o galego». Raigame cultural Velaí unha pauta precursora do futuro devalar lingüístico, no que a lingua é por riba de todo unha condición sine qua non da identidade nacional. Esta fonte, de raigame cultural autenticamente galega, permite a Otero realizar unha afirmación proselitista que reivindica o carácter diferencial do pobo galego, como metáfora de obxectivos políticos máis ambiciosos. Xa que logo, a influencia do monxe dezaoitesco transmítese ó gran imaxinador da nación galega durante o século XX, e contribúe a moldear as nosas actitudes e a nosa vision actual da lingua. Arredor de si e, ó final, parte de nós. CRAIG PATTERSON é membro do Seminario de Estudios Galegos da Universidade de Birmingham (Inglaterra)