Morreu Silverio Cañada, editor da Gran Enciclopedia Galega

REDACCIÓN SANTIAGO

TELEVISIÓN

20 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O editor asturiano Silverio Cañada foi incinerado onte no tanatorio de Cabueñes, en Gijón. Cañada, que morreu o pasado domingo debido a unha enfermidade neurolóxica, foi o editor da Gran Enciclopedia Gallega , unha publicación emblemática que se puxo a venda por fascículos en 1974 e da que se editaron un total de trinta tomos e dous anexos ata o ano 1988, e da que se venderon 20.000 exemplares. Cañada, que tiña 64 anos, era un libreiro asturiano que no ano 1970 puxo en marcha o proxecto enciclopédico en Galicia despois de publicar na súa terra a Gran Enciclopedia Asturiana , a primeira deste tipo que se puxo en marcha en España, e a Enciclopedia temática Asturiana. Para a elaboración da Gran Enciclopedia Gallega contou cun equipo de asesores entre os que estaban Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Alonso Montero e Basilio Losada, entre outros. Catro anos despois de votar andar este proxecto, poñíanse á venda nos quioscos e mediante suscripcións os primeiros fascículos da colección. A Gran Enciclopedia Gallega contou con tres directores: Perfecto Conde, Arturo Reguera e Xosé Ramón Fandiño, que entre redactor e director estivo quince anos na empresa editorial, da que entrara a formar parte nos primeiros anos oitenta, como socio de Cañada e Fernando Álvarez Conde. A editorial pasou a outros donos no ano 1988. Fandiño lembraba onte o empeño e as dificultades con que se iniciou e seguiu adiante un proxecto que foi todo un fenómeno editorial nos anos da transición, «porque encheu un baleiro moi importante, dando resposta a calquera cousa sobre Galicia». Considera que Galicia «ten unha débeda con Silverio Cañada, porque nunca se lle recoñeceu a importancia da súa iniciativa, como tampoco se fixo coa Enciclopedia». Engadiu Fandiño que a Gran Enciclopedia Gallega resistiu moi ben o paso do tempo, «aínda que precisaba unha revisión e unha actualización en galego». No seu momento foi un tanto polémico que se editara totalmente en castelán, pero Cañada argumentou que en Galicia non había lectores de galego. A editorial foi, perante moito anos, toda unha referencia nos locais que ocupaba na rúa Nova de Santiago, como espacio de encontro e como lugar de consulta nos seus arquivos gráficos.