Había ter eu uns quince anos. Creo que foi no salón de actos do colexio dos salesianos na Coruña. O grupo Troula puña en escena O velorio , de Francisco Taxes. Senteime, con certa inmadurez propia da adolescencia, a sufrir unha peza que cría ía ser puro costumismo. Pero non, nada diso. O único costumismo que habitaba naquel espectáculo era a desculpa do argumento. Ao pouco de comezar a obra, Troula xa acadara a atención do público e este deixábase levar pola sorpresa e os xogos que a peza propuña. Aire fresco O velorio foi un aire fresco na posta en escena do noso teatro. Unha concepción da iluminación inédita ata o momento e da música en directo do grupo Agra criaron a paixón necesaria nos espectadores/ras que saímos da representación con anceio de que Troula estrease axiña unha nova montaxe, de que Antonio Simón, desde a dirección, discurrise unha nova aventura, de Gonzalo Uriarte, Manolo Manquiña e Suso Medal subisen outra vez a un escenario. Anos despois veu o coñecemento persoal de Francisco Taxes. Con el escribín un guión para un corto de Miguel Gato e foi nese momento, e na súa etapa en Radio Nacional de España, cando nos coñecimos máis fondamente. Sempre crin que Paco é un talento desperdiciado. Sinto, aló dentro da miña ialma, que non estivemos á altura das circunstancias, ou que as circunstancias non favoreceron o que a súa criación demandaba. É, dalgún xeito, un autor maldito. Puido ter escrito un Amarcord á galega que nos apampara a todos, como xa nos apampaban os seus artigos en La Voz de Galicia e en El Orzán. Pódese pensar que catro textos teatrais son poucos para toda unha vida pero, se cadra, son os suficientes, os necesarios, os xustos; porque na nosa memoria, aquel velorio seguirá apampándonos pola súa orixinalidade, o seu dinamismo e a súa capacidade de nos transmitir un aire de liberdade naquela transición española, tan gris como paleta. O velorio , mira ti por onde, acabou sendo a resurrección da arte de Talía no noso país.. LINO BRAXE , actor é escritor