«O velorio», unha obra inédita de Francisco Taxes

ANTONIO SIMÓN

TELEVISIÓN

As representacións teatrais do texto deste dramaturgo acadaron un gran éxito de público As xentes facían cola para ir ás representacións. O público disfrutaba con cada función. Aínda que hoxe parece case un milagro, isto pasaba cunha obra de teatro, «O velorio», de Francisco Taxes, hai máis de vinte anos. La Voz recupera este texto inédito para publicalo dentro da Biblioteca 120. Lecturas cualificadas

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Na mesma medida que Goya fixo esperpento nas súas pinturas negras, tamén Valle-Inclán fixo expresionismo nas súas comedias bárbaras, por iso definir o texto de O velorio , do entrañable dramaturgo coruñés-camariñense Francisco Taxes, como unha sorte de costumismo expresionista non é ningunha ocorrencia parva, ningunha boutade para chamar a atención, máis ben é unha formula especial para encadrar un texto especial de grandísimo significado na historia do teatro galego. O velorio, racha no seu tempo, como texto dramático, cas formas de concibir o texto que tiñan, con algunha excepcionalidade, os escasos e esforzados dramaturgos galegos dos anos 60 e 70. O velorio é un texto áxil, directo, conciso, moderno, onde as personaxes son debuxadas con trazos intensos e diálogos breves, coloristas e primarios, pero dunha grande eficacia. Esa eficacia venlle dada polo ritmo e sonoridade da palabra e tamén pola estructura secuencial tan cinematográfica. Autor comprometido Unha carpintería teatral que provoca rachaduras de imaxe continuas, unha enchenta de sensacións e de sentimentos atropelados que fan que O velorio sexa a punta de lanza da moderna dramaturxia galega actual. Iso é O velorio no aspecto formal pero no referente ó contido é o texto dun autor comprometido co seu país, é o texto dun autor de pensamento e corazón nacionalista de esquerdas que loita contra a dictadura e que pensa que o teatro é unha arma cargada de futuro e un instrumento impecable para amosar un camiño e coincidir nel con outras xentes. Ese alento expresionista que marcou parte da dramaturxia actual galega chámase O velorio. ANTONIO SIMÓN, director das primeiras representacións da obra de teatro «O velorio»