Un «Golfiño» de papel e sorrisos

REDACCIÓN A CORUÑA

TELEVISIÓN

A revista de banda deseñada aspira a amosar o talento dos debuxantes e guionistas galegos cun carácter marcadamente lúdico Galicia conta cun número importante de guionistas e debuxantes de banda deseñada de gran calidade. A revista «Golfiño», que volve ós quioscos da man de La Voz, pretende ser unha xanela para que os lectores coñezan o traballo do cómic galego actual. Dirixida principalmente a un público novo en idade, a revista regresa co obxectivo de chegar a un público maioritario, independentemente dos seus anos.

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dunha primeira etapa de periodicidade mensual, Golfiño regresa agora cada venres ós quioscos, polo prezo de 50 céntimos de euro. La Voz de Galicia, que edita a revista nesta nova xeira, agasallará ós seus lectores o Día das Letras Galegas cun exemplar gratuíto. Dirixida principalmente a un público cativo, Golfiño chega tamén coa vocación de abrirse a un público maioritario. De aí o seu subtítulo: Revista galega de banda deseñada para todas as idades. Como di o seu director, Miguel Vázquez Freire, «é como a boa literatura infantil e xuvenil, que non só poden lela os rapaces, senón que un adulto pode disfrutar dela». Vázquez Freire fai fincapé en que en Golfiño as páxinas teñen en común a «elevada calidade artística» dos autores, o que fai da revista un producto que «pode lerse a partir dos 7 ou 8 anos en diante». Vázquez Freire é o director da revista, xunto con Fausto Isorna na dirección artística e Tucho Calvo como coordinador editorial. Lectores autónomos Neste primeiro número da revista os lectores atoparán a vellos coñecidos da etapa anterior de Golfiño . Pero o director explica que a partir de agora prescinden dos contidos puramente didácticos para centrarse nunha revista onde prima o carácter lúdico. O obxectivo, «conseguir lectores autónomos, que acudan cada venres ó quiosco a mercar Golfiño porque disfrutan coa súa lectura e teñen os seus personaxes favoritos», segundo Miguel Vázquez Freire. Personaxes favoritos poden ser Os Escachapedras, que retornan neste número, igual que o can Palleiro, Tonecho, o Capitán Lixo, Thom, Luzbell, Os Tronantes ou a Escola de Vilaverzas. Pero hai novidades. O popular protagonista do programa infantil da Televisión de Galicia, Xabarín, ten a súa propia sección en Os vixilantes do Camiño. E outra fichaxe de altura: os personaxes de O bosque animado deixan por algún intre a fraga de Cecebre para disfrutar das súas historias en Golfiño . Tamén é nova a incorporación de Os Biosbardos e o deportista Tito Longueirón. Golfiño abrirá ademais unha sección a novos talentos da banda deseñada en Galicia, para servir de canle normalizada que amose ós lectores os bos traballos que neste ámbito se están a facer actualmente, xa que agora só existen publicacións personais ou institucionais para iso.