A IMPORTANCIA DOS LIBROS

MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO

TELEVISIÓN

07 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das imaxes máis felices, perfectas e conmovedoras que existen é a dun neno ou unha nena lendo un libro. O silencio da escena, concentrados na densidade dese xesto lector, provoca de inmediato unha emanación de tenrura. O libro, collido entre as mans, é un tesouro que se abre iluminando os ollos do neno e a imaxinación, que é outro tesouro, atinxe aí o seu reino, antesala da intelixencia e do coñecemento. Un neno lendo un libro é un triunfo fermoso da civilización e unha gran esperanza para a sensibilidade concibida como progreso e harmonía no pensamento, nas ideas e na liberdade. Educación e formación Os pais e as nais deberan ser plenamente conscientes da importancia que teñen os libros na educación e na formación dos seus fillos e os mestres e profesores deberan valorar ¿moito máis do que o fan: con decisión e transcendencia¿ a función inigualábel que cumpren os libros nas diferentes etapas formativas do alumnado. Porque a lectura é unha excelente vía para acceder ao territorio da comprensión e da lucidez e un antídoto seguro para lle facer fronte á narcotización política programada que tende a anular, pasivizar e idiotizar os individuos. Por iso cando ollamos un neno ou un adolescente lendo un libro percibimos aí unha aura de beleza e de ilusión: aínda o mundo pode ser outra cousa. Libros, pois, para ser, para vivir e para soñar. MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO é escritor e editor