UN CLANDESTINO

XOSÉ MARÍA PALACIOS, xornalista de La Voz

TELEVISIÓN

01 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Na primavera de 1931, como xa saben, pasou o que pasou. Poucos días despois do ocorrido, un grupo de republicanos de Mondoñedo foi visita-la tumba de Leiras Pulpeiro, situada na parte civil do cemiterio municipal; e un dos máis destacados militantes da causa, Cándido Carreiras Domenech, petoulle na tumba co bastón e anuncioulle a gran novidade: «Xa témo-la República». Chegou a hora do poeta Algo semellante, setenta anos despois, debería ocorrer outra vez no mesmo lugar. Gustaríame que alguén ¿poeta, crítico literario, simple lector¿ se achegase á tumba de Leiras Pulpeiro para darlle outra nova que debe recibir: dicirlle algo así como «Señor Leiras, chegou a súa hora como poeta». O cidadán e médico Leiras Pulpeiro ten na súa tumba un epitafio ¿«Amou a verdade e practicou o ben»¿ do que sen dúbida é merecente polas súas virtudes e a súa conducta. E hai na súa cidade pegadas da súa presencia ¿unha estatua, unha rúa co seu nome, cadansúa placa en dúas casas nas que viviu¿ que sen dúbida son un acto de xustiza pola súa traxectoria. Pero tamén se corre o risco de que o home, médico dos pobres e republicano militante nun ambiente clerical, acabe soterrando o poeta. Sábese que ten unha obra non moi abundante, dise que recolle fielmente falas populares e acéptase que non pase dunhas poucas liñas nalgunhas historias da literatura galega. Agradécese, pois, que a Biblioteca Galega 120 nos achegue ó poeta dos caraveis «roxos, todos roxos».