Vilanova dos Infantes prepara unha romaría etnográfica no burgo medieval

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE

TELEVISIÓN

PILI PROL

Tal e como Curros Enríquez as viviu, Vilanova dos Infantes será toda ela unha romaría ó vello estilo converténdose no centro cultural por excelencia da provincia de Ourense o vindeiro 17. Chámanlle romaría etnográfica Raigame, ideada pola Escola de Danza da Deputación de Ourense, e vai cambiar por unhas horas o aspecto do único burgo medieval completo que hai na provincia e dos poucos de Galicia. Trinta e sete talleres e centos de bailaríns darán cor e vida a este espacio cultural único.

30 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

É unha aposta forte que vai dar que falar. É o cumio de tres anos de deseño. Por fin será realidade este xeito de divertirse todos os galegos que queiran achegarse o venres 17 a Vilanova dos Infantes. Será unha romaría para toda a familia. Preténdese que todos vexan como eran estas festas hai cen ou douscentos anos e todo dun xeito espontáneo. Debuxantes, vidrieiros, canteiros, carpinteiros, cesteiros, panadeiros, fiadeiras, augardenteiros, zapateiros, títeres, restauradores... a lista é moito máis longa e rica. Non haberá praza ou rúa do burgo medieval que quede sen actividade. Dende as dez da mañá xa se poderá por o corpo a quentar coa alborada, pasarrúas e a mostra artesanal sen esquece-lo baile. E estando en Vilanova non podemos deixar de subliñar ós danzantes da Virxe do Cristal, que terán o seo oco. Toda a mañá haberá xogos populares e sesión de fotógrafo antigo. A Banda de Vilanova fará retumbar as pedras coas súas melodías, co seu aquel. Pola tarde, despois do xantar popular, seguirá a troula naquel conxunto cheo de embruxo, no camiño a Celanova. Os bailaríns galegos iranse turnando na vila en grupos de noventa membros durante todo o día pero non bailarán dun modo premeditado, ríxido. Farano como antes, segundo lles pete, espontaneamente. A medida que suben á Praza do Balcón para bailaren todos xuntos, xa estará entrando na vila outra tanda de noventa danzantes para percorre-las rúas e rematar xuntos no centro, e así tandas e tandas para quen queira emocionarse e recrearse con semellante espectáculo. Os bailaríns acudirán dende unha trintena de vilas da provincia ourensá. Tamén está convidada a facerlle ferve-lo corpo á xente a Banda de Celanova, outra institución musical da bisbarra. Noutro recuncho do burgo poderanse escoitar cantares de cego. Vilanova será nesta ocasión toda ela un grandioso espectáculo patrimonial da nosa etnografía, da nosa cultura. Comida e bebida serán tamén ó vello uso como aqueles refrescos de auga con vinagre e sucre.