As vivencias do popular profesor de chairego foron premio Nacional de Literatura Infantil O escritor Paco Martín (Recatelo-Lugo, 1940) remata co seu libro «As cousas de Ramón Lamote» a serie de obras de literatura infantil e xuvenil. Paco Martín acadou coa historia das vivencias deste profesor de chairego o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Lecturas cualificadas
20 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Don Ramón, Ramón Lamote Miñato, profesor particular de chairego e debuxante de soños por encargo, debería de ter existido. Don Ramón, un home de sesenta e un anos vividos día a día, debería ter vivido máis aló da imaxinación de Paco Martín, para levar a felicidade, a alegría, e o humor ós seus coñecidos. Don Ramón, un home de palabra dos que xa non se atopan, e de quen Paco Martín conta retallos da súa vida e da súa cidade, ten unha forma amable de dicir as cousas. Sen mancar. Pero, por riba de todo, detesta a solemnidade, rexeita a pedantería, e soporta as vaidades da incultura. Fronte ás situacións absurdas, Ramón Lamote, ó que de pequeño chamaban Moncho, responde con sensatez. Con grande acerto e divertimento. Como fan as persoas intelixentes. El, que é un tipo medio tolo, pero que sabe unha chea de cousas raras, non dubida en organizar unha corrida de nubes, en aventurar a chegada do Reparante e en crear uns marmolubios como premios para facer felices a unha chea de pequenos. Cando o mundo se transforma noutra cousa, con proxectos globalizadores e matanzas en prol da libertade duradeira, hai que preguntarse ónde está Ramón Lamote, o debuxante de soños por encargo. Don Alvaro Cunqueiro acostumaba dicir que resistimos porque soñamos. Ramón Lamote Miñato axúdanos a vivir nestes tempos tan desacougantes. ERNESTO S. POMBO é director de opinión de La Voz de Galicia