A CAROQUEIRA

La Voz

TELEVISIÓN

ANTÓN RIVEIRO COELLO, é escritor

17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

De todos é sabido o cinismo consciente de Borges para crear unha bibliografía que lles puxo a cabeza tola aos investigadores que, nesa teima de amarraren a realidade, deron en fedellar sen éxito nos fondos escuros das bibliotecas. Carlos, sospeito que a mantenta, tamén tece esta ducia de relatos marabillosos co engado desa rede tan borgiana da referencia histórica que funciona como soporte verificador dunha realidade imposible, soñada para Clío, a musa da Historia, esa Gran Caroqueira á que o escritor limiao lle dedica estes textos apócrifos, cecais aparentemente, porque Carlos aquí non é ese historiador, esa especie de notario que traballa sobre a certeza, senón ese alquimista que amasa, modifica, enreda coa Historia para nos dar esoutra medida desmitificadora que nos interesa máis e que nos proporciona a construcción magnífica destes relatos fermosísimos que se len con larpeira cobiza; unha lectura que nos deixa o saibo intelixente e lírico dun humor engaiolante, tenro; páxinas polas que pairan avisadores, curandeiros ou nigromantes, os mais deles de nacencia galega, agarimados pola finura premeditada do mellor Casares, teimudo na súa vontade de nos agasallar cunha prosa esencial, limpa, como se o escritor, na súa desmedida xenerosidade, non quixese estar presente na narración e provocase esa ausencia voluntaria para figurar á marxe desta palabra eficaz, sutil, milimétrica, posta ao servicio dun enxeño e dunha imaxinación hiperbólica que se irmanda co mellor Cunqueiro. Orfandade Ler estes relatos de Carlos Casares, ou relelos, é unha excelente oportunidade para negarmos a escura realidade, a terrible orfandade do amigo para o que endexamais haberá esquecemento, porque o mestre vive en nós, segue a nos habitar coa súa palabra que aínda latexa nos nosos corazóns mancados e eternamente agradecidos.