Pesar do Parlamento pola morte do escritor

La Voz

TELEVISIÓN

15 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O que empezou sendo máis que unha noticia unha labazada para toda Galicia, a morte de Carlos Casares Mouriño, vai empapando a sociedade galega que pouco a pouco asume a perda dun dos seus homes «bos e xenerosos». Nestes días foron moitas as persoas e institucións que fixeron público o seu pesar pola morte do escritor. Onte foi o Parlamento galego o que amosou o seu pesar polo pasamento de Carlos Casares, ó que o s parlamentarios lembran nas súas facetas como profesor, escritor, ex parlamentario, membro da Real Academia e presidente do Consello da Cultura Galega, cunha declaración instituciconal aprobada por asentimento dos asistentes ó pleno reunido onte no Pazo o Hórreo. O Parlamento de Galicia deixou constancia «do seu sentemento de dor pola perda desta figura egrexia das letras, que deixou sempre patente a súa condición de galego e deu mostras constantes do amor pola súa terra». A Cámara autonómica, da que Carlos Casares foi un dos seus membros na súa primeira lexislatura, acordou transmiter a viúva do escritor, fillos e demáis familia a súa solidariedade na súa dor destes momentos. Tamén esta semana, ó pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade unha proposta do alcalde, Francisco Vázquez, para expresar ó pesar «da Corporación municipal e de toda a cidade» pola morte de Carlos Casares. O alcalde coruñés asegurou que a morte do escritor é «unha grave perda para Galicia e para a cultura galega». Os recoñecementos o autor de novelas como Deus sentado nun sillón azul seguirán estes días xa que o pleno da Deputación de Ourense, que ten previsto reunirse o día 26 deste mes, aprobará o nomeamento de Carlos Casares Mouriño como «fillo predilecto», unha proposta do presidente da institución, José Luis Baltar, que xa foi aprobada pola Comisión de Goberno do organismo provincial. Tamén os partidos políticos do concello de Xinzo de Limia acordaron nomear o autor de Vento ferido fillo predilecto da vila na que naceu. Precismente en Xinzo recibira Casares unha sentida homenaxe no mes de xaneiro do ano pasado, nun acto no que o escritor fixo gala da súa condición de fabulador engaiolante para lembrar episodios da súa nenez, desde os personaxes do imaxinario colectivo ata ás falctruadas que facía en compañía do seu irmán Javier. No último ano, a presencia de Carlos Casares en Ourense foi habitual, desde o congreso sobre Curros Enríquez ata ás xornadas dedicadas a Ramón Otero Pedrayo, pasando pola homenaxe a Antón Tovar. Hoxe, agasallo en Salamanca Carlos Casares tiña que estar hoxe en Salamanca, a capital europea da Cultura, para falar do galego. A cidade salamantina está celebrando estes días unhas xornadas sobre as linguas do mundo e hoxe tocalle ás de España. O acto mantense pero será unha nova homenaxe a Carlos Casares, según explicou onte un dos organizadores, quen indicou que tamén farán entrega dunha placa de recordo para o escritor. Estes recoñecementos á figura de Carlos Casares van seguir nos próximos días, sin ir máis lonxe na entrega dos premios Ramón Piñeiro que terá lugar esta noite en Compostela. A figura de Casares estará presente invocado polo nome de Ramón Piñeiro.