Os escuros soños de Clío é un libro que está considerado por moitos como un dos cumios literarios do seu autor, Carlos Casares. La Voz de Galicia entregará esta obra o vindeiro luns, día 18, dentro da colección Biblioteca 120. O volume poderá adquirirse polo prezo dun euro ademais do custe do xornal. Publicado por primeira vez en 1979, Os escuros soños de Clío foi o segundo volume de Carlos Casares no terreo do relato curto. Foi Premio da Crítica no ano 1980, e entre as súas traduccións poden contarse o castelán (Alfaguara) e o ruso. Son doce relatos. que están baseados en referencias bibliográficas nas que se mesturan fantasía e realidade. En palabras de Gonzalo Torrente Ballester, un gran amigo do autor de Xinzo recentemente falecido, os contos de Os escuros soños de Clío son «bromas gastadas á Historia con enxeño xoguetón e perspicaz, cunha gracia de fondas raíces, que se crava na intelixencia e dá ese resultado indefinible que é a flor da literatura». Segundo a propia editorial Galaxia, que editou o volume, neste libro Carlos Casares faille guiños cómplices a Clío, a musa da Historia, cunha clara intención pardódica. Estes contos introduciron na literatura galega unha mirada nova e un xeito diferente de abordar temas como a historia, que é vista como o resultado dos soños traxicómicos e malhumorados dunha musa imprevisible e algo excéntrica. Xunto con Deus sentado nun sillón azul, Os escuros soños de Clío é un libro que está considerado como o máis representativo da etapa de madurez de Carlos Casares. O escritor e académico tamén conta con obras igualmente importantes, como son Vento ferido, Ilustrísima e Xoguetes para un tempo prohibido . Así mesmo, cultivou o xénero da literatura infantil e xuvenil, con títulos como A galiña azul ou Un polbo xigante . Por último, na súa producción literaria hai que contar as biografías e os ensaios, como Un país de palabras ou Conversas con Ánxel Fole.