A edición das Obras completas ¿corrección, glosarios, índices bibliográficos,... ¿ é un labor de anos. O material vai en dous volumes: nun, toda a obra novelística, e noutro, o teatro, a poesía, xunto con artigos en prensa, prólogos e autógrafos. Para realizar a edición tomouse como texto base a derradeira edición en vida do autor, inda que foi preciso comparala con edicións anteriores e máis con outros títulos para clarexar dúbidas, limpar erratas, axustar a puntuación ou precisar o significado dunha verba. Por exemplo, nas tres edicións de Águila de blasón temos a voz «gramallera» ¿un gran caldero de cobre pendiente de la gramallera¿ que é sen dúbida a castelanización do galego «gramalleira», pero na única edición de Cara de plata reza «el serpentón de la cremallera». Pois para solucionar este problema, comprobamos que existe esa voz como un dialectalismo castelán, e pensamos que ó non ser parte dos usos do autor, foi un cambio introducido polo caixista cando compoñía a obra, variando unha verba descoñecida para el, «gramallera», a outra que lle era mais ou menos familiar. Nótese que o proceso de producción material do libro ten grande importancia no resultado, e así atopamos que os caixistas modificaban pola súa conta a puntuación para lograr un axuste da liña, o que da como resultado que a mesma frase teña puntuacións diferentes segundo as edicións. Outras variantes de texto son da man do autor, pero non por motivos estéticos, se non tipográficos, e retocaba o texto para que as liñas cadrasen cos gravados de adorno, ou para permitir que os finais de capítulo poideran compoñerse en triángulo español. Se ademais sinalamos que exemplares da mesma edición, co mesmo ano, editor e impresor teñen textos diferentes, ou que exemplares dunha única edición como é Luces de bohemia teñan tamén unha lixeira variante textual, podemos ver que o traballo esixe unha minuciosidade e un coidado enorme, obrigando a un labor de comparanzas e cotexos por veces abafante. O respecto ó texto e a precisón son a aspiración desta edición de Obras completas , e así incluímos un índice bibliográfico de cada título, unha lista das voces que corriximos no texto, xustificando e explicando os motivos, e un amplo glosario onde se recollen tódalas voces que non están no diccionario da Academia española; xunto con isto, van tamén nomes de personaxes históricos, topónimos, citas literarias, ...