«Filosofía da saudade» , a obra que elevou a saudade a rango metafísico

ANDRÉS TORRES QUEIRUGA, teólogo e amigo persoal de Ramón Piñeiro

TELEVISIÓN

XURXO LOBATO

O libro de Ramón Piñeiro entra a formar parte da Biblioteca Galega 120 Para os de fóra os estados emocionais que definen pobos e diferencian culturas funxen de ordinario como marcas que designan un carácter e orientan as posibles conductas. Pero coa función nace o perigo. LECTURAS CUALIFICADAS

03 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Localismo de campanario e fixación ahistórica, por un lado; tópico superficial, polo outro. Coa saudade sucedeu así, polo menos máis do que será desexable para unha cultura robustamente sá. En Portugal, cunha tradición menos dependente, provocou literatura, chegou a suscitar escola e mesmo se converteu en shibolet lingüístico: saudosismo, sebastianismo, ter, dar, deixar... saudades. En Galicia, traducida de ordinario en morriña, ameazou con cocer no propio sentimento: oscilante entre a alma bela goethiana e a conciencia desgraciada hegeliana, serviu de escape a nostalxias do terruño ou de dura expresión do sufrimento emigrante. Pero en ningún de ambos casos se chegou a disipar a néboa dunha irreductible confusión sentimental. Aí enganchou, sen dúbida, Ramón Piñeiro que, nun momento de preocupación pola identidade de Galicia como pobo e como cultura, intentou, en contacto fraterno con Portugal pero moi atento ó discorrer da cultura europea, elevar o nivel da consideración. O contexto heideggeriano axudouno, e a súa enorme capacidade reflexiva logrou o milagre. A saudade deixou de ser algo exclusiv(o)ista, para se tornar diferencia específica sobre un fondo común universal, afín á Sehnsucht, á Angst, á nostalxia. E, sobre todo, revelouse como último e abisal sentimento da singularidade ontolóxica do ser humano, fronteira de transcendencia e fonte de busca filosófica. Un fenómeno de rango metafísico, capaz -esa era a ilusión claramente herdada da Xeración Nós- de situar a cultura galega como un intermediario no fundamental triángulo antropolóxico: entre a razón mediterránea e a vontade nórdica, quedaba situado o sentimento galaico-portugués, a un tempo marca de identidade e signo de universalidade.