MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ EN DIRECTO Por primeira vez, Gayoso non presentou «Luar»
02 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.rei, bo rapaz, de raia antiga sobre unha coroa pilosa en retroceso, icono reverenciado polo share, histórico da terra de San Marcos, cedeu o seu trono por un día a Ana Kiro para viaxar ó imperio dos rañaceos a recoller o premio anual da peña Aúpa Dépor ubicada alí. O satélite fixo posible que ambos se mantiveran cóbado con cóbado, el desde a barco que o paseaba polo Hudson e ela desde a discoteca de Dodro. Un dos intres gloriosos da noite foi cando ambos se atreveron a versionar a Sinatra cun dueto que fixo palidecer o himno do reino, o Apaja o candil, marica chus chus. O resto, malia mediar a cosmopolita Nova York, a capital do mundo, o melting pot por excelencia, mantívose fiel ó que acostuman as festas no pazo de Gayoso, o mozo que tódalas sogras quixeran ter por xenro. Coáronse Dyango e o Fary, como parte do tributo ás vellas glorias que tanto gustan no Luar, e nada cambiou a respeicto do habitual. Ben mirado, o venres a Televisión de Galicia fixo historia. E se me apuran ata tivo moito de surrealismo simpático, de andar pola casa, que é como é o Luar, un espacio no que te sintes como en pantuflas. Se Gayoso viaxaba a Nova York, Luar marcharía con el, que iso de deixalo sen a súa presencia era de mal gusto e ata podía provocar unha rebelión da audiencia (por certo, superou as outras cadeas con cotas de máis do 40%). Ana, a raíña, e moita Ana, pero Gayoso é o rei Jhaioso, machiños. Lembro o divertido artigo de Manolo Rivas, ¿Por que triunfa Luar? recollido no seu volume Galicia, Galicia (Xerais), e non aguanto sen voltar a lelo. Cando Rivas volva sobre o tema non terá máis remedio que anotar o de antonte, cando Xosé Ramón Gayoso foi un rei en Nova York. A todo isto, xa que Luar marca un pouco (bastante) a identidade da Televisión de Galicia, noraboa a Gayoso. Xa el se encargou de lembrar que o premio dos Aúpa Depor non era un premio calquera. Antes recibírono Arsenio, o presidente Fraga ou o alcalde Paco Vázquez. Noraboa outra vez, que unha cousa non quita a outra.