RITA ALONSO, presidenta da Asociación Cultural 'Eliseo Alonso'
26 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O río Miño e a comarca baixomiñota son a fonte literaria e o obxectivo dos estudios etnográficos de Eliseo Alonso (Goián-Pontevedra, 1924 - La Habana 1996). A cultura e as orixes das beiras galega e portuguesa están a salvo do esquecemento en centos de artigos que escribiu para xornais e revistas galegas, da península e latinoamericanas. Sen moito futuro literario en Goián e afogado pola situación política, en 1950 seguiu o camiño de tantos valores das letras e as artes que atoparon na Arxentina un refuxio democrático para a lírica. Alí viaxa e escribe crónicas sobre outra riqueza cultural guiándose polos mesmos ollos de observador cos que paseaba de neno pola ribeira do Miño. Comeza unha aventura editorial con Mundo Gallego, unha revista na que colaboran entre outros Valentín Paz Andrade, Ánxel Fole, Otero Pedrayo e Laxeiro. Influído polo ambiente literario escribe o primeiro poemario en galego, Seara de Romances. Ten trinta e cinco anos cando publica Contos do Miño e o seu traballo empeza a recibir recoñecementos en Arxentina. En 1954 noméano membro da real Academia Galega e anos máis tarde recibirá o premio de Periodismo Julio Camba. En 1958 regresa a Goián e prepara o primeiro dos seus grandes estudios etnográficos, Bajo Miño y Costa Sur. Nos últimos anos mantivo a súa sección Al compás del Miño en La Voz de Galicia. Andaba á procura de material para outra novela cando o buscou a morte en Cuba. Pequenas cousas Eliseo Alonso foi un mariñeiro de río polifacético, empeñado en facernos entender a importancia das pequenas cousas da nosa cultura. Non sempre atopou o apoio necesario e menos o recoñecemento. Lendo dúas das súas obras, Contos do Miño e A fronteira comunicante descubrimos razóns máis que suficientes para descorrer o pano que tapou a un narrador e un poeta que merece outro tratamento nas letras galegas do século XX.