O idioma abre o campo para dar a coñecer o país

S. G. CARBALLO

TELEVISIÓN

Na Bretaña estudian a ciencia de Galicia e en Barcelona pódese cursar Filoloxía Moitas das univesidades de España e do estranxeiro que imparten o galego, e sobre todo aquelas que teñen un centro ou un seminario de estudios, tentan ir máis aló do estricto plano académico e queren coñecer en profundidade o país. Case sempre, un traballo froito de entusiastas, como ocorre na Bretaña francesa. E na Universidade Central de Barcelona ata se pode cursar Filoloxía Galega.

23 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Na Universidade de Rennes, na Bretaña francesa, traballa o infatigable Moisés Ponce de León, axudado pola lectora Belén Martín. A súa laboura é irresumible. A semana pasada organizou, cun catedrático de Santiago, conferencias sobre o cine en Galicia e proxectouse Fisterra, a cinta que dirixe Xavier Villaverde, coa sala a rebosar. Hai uns días, Ponce de León veu a Carballiño con catedráticos e profesores colegas (é xeofísico) de Francia, xestionado polo centro galego, para comezar a modelización de xacementos de ouro. Teñen previsto investigar a xeoquímica dunha formación xeolóxica e ata facer datacións de formacións graníticas, sempre de Galicia. En síntese, el quere que desde o seu departamento se coñeza Galicia en tódolos ámbitos posibles, non só o da lingua, con ser moi importante e no que, por certo, participan 23 alumnos. Ponce é o herdeiro dun traballo de tres décadas na súa universidade, iniciado por Bernard Le Gonidec, que dou teses, tesiñas e libros sobre Galicia, ademais de ducias de investigacións e intercambios universitarios co país. En Cork, onde o lector é o poeta Martín Veiga, téñense celebrado recitais de poesía e visitas do escritor Manolo Rivas, e mesmo hai estudiantes de posgrao e unha ducia de animosos irlandeses que aprenden a domina-la fala rosaliana. En Oxford, a metade dos posgraduados en Filoloxía Hispánica escolleron a opción de galego, e hai en marcha traballos doutorais sobre autores da terra. Ademais, edítase a Galician Review e os Blue Papers; en Trier Alemania, a Galicen-Magazin. En Chile e en Belgrano-Bos Aires, por citar algúns, o listado de análises publicados sobre Galicia é inmenso. O caso da Universidade Central de Barcelona é un mundo a parte. Con dous lectores, profesores titulares e catedráticos de galego, pódese face-la carreira de Filoloxía Galega igual que se se estivera no campus compostelán.