ANA MÍGUEZ, presidenta da asociación Alecrín
19 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Coñecín a Xohana Torres aló polo ano 1966, na Biblioteca Penzol, en Vigo, cando eu só tiña 16 ou 17 anos. A biblioteca estaba a piques de pechar cando unha muller entraba e pedía disculpas pola hora. Alguén chamouna polo seu nome, Xohana, e nada me diría ese nome se non fose que estaba a ler a obra teatral Á outra banda do Iberr, agardei a que rematase e xa saíndo, acerqueime a ela e pregunteille se era a autora; confirmoumo, falamos da súa obra, do galego, do Pai Seixas, do grupo cultural O Castro ao que estaba unida... Levar a lingua á rúa Eran tempos de reivindicacións, de necesidade de coñecer o esquencido e prohibido. Do único que non falamos foi de que O Castro estaba a preparar a representación da súa obra de teatro: Á outra banda do Iberr, -iso foi máis tarde-. Ninguén de nós tiña noción nin capacidade para o teatro, so nos xunguía o interese por levar á rúa a lingua e a cultura galega. Aínda hoxe arrepíome de pensar que estivemos moi perto de presentarnos diante do público, e do que lle poderiamos ter feito á obra de Xohana. Ela veu a vernos aos ensaios, e animabanos. Nunca me comentou nada nin deu a súa opinión sobre o noso labor interpretativo. Sempre foi moi discreta. Estou certa de que se sentiu moi aliviada o día en que lle dixen que non iamos representar a súa obra. Naquela época Xohana e máis eu quedabamos a miúdo a tomar o chocolate con churros no Bonilla. Era ela quen pagaba, eu non estaba aínda en época productiva. Por razóns diversas e que moitas veces se nos escapan, deixamos de vernos pero non de querernos, atopándonos uns anos máis tarde, a raíz da irrupción na súa vida, de Andrea, a filla. Seguimos mantendo unha relación de afecto afirmada sobre todo nos tempos dos anos 60. Xa pasaron cáseque 37 anos daquel encontro na Penzol, e dende os chocolates de Bonilla; doume conta de todo ese longo período ao escribir estas letras. Terei que chamar a Xohana para convidala, desta vez eu, a un chocolate con churros.