HENRIQUE RABUÑAL, escritor e profesor de literatura
10 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.É certamente valioso o patrimonio que representa a nosa literatura popular e, en particular, a nosa poesía popular. Para alén da súa identidade estética e formal, estoutra literatura tivo sempre un plus de información lingüística, etnográfica ou sociolóxica e permitiunos acceder a esa singularidade cultural suliñada desde os tempos de Sarmiento ou os de Murguía. Aínda tratándose dunha literatura oral na súa xestación e transmisión, chegou a nós gracias ás coleccións e estudios que a ela consagraron relevantes investigadores. Mérito deles foi rescatar uns textos condenados a desaparecer no tránsito dunha sociedade agraria e tradicional ao noso modelo económico e social. Compréndese así que o que fora unha literatura eficaz e funcional acabe sendo vista como fosilizada, testemuña dun universo en vías de descomposición. A poesía popular enarbola un mundo de traballo e de diversión, fomenta a improvisación e fotografía formas de existencia propias dos séculos XVIII e XIX. Desfilan polos seus versos moitas historias de cregos e criadas, de vellos e de sogras, de amores falsos e verdadeiros e tamén o traballo de quen fía a la, maza o liño, coce o pan así como de costureiras ou canteiros. Os seus temas non parecen tan distantes da literatura culta e van desde os intimistas ou amorosos aos laborais e sociais con notables inxeccións de sátira e de humor. A dialéctica aldea vs. vila, a emigración, a pobreza ou a morte van ás veces ligados á invocación das Nosas Señoras e a moitas bisbarras da nosa xeografía. Non poucas veces ao lermos estes textos evocamos a voz profunda e grave de Rosalía de Castro. Coma ela recoñecemos nestes poemas unha parte esencial da nosa identidade e a creatividade dos anónimos autores de millares de poemas que tamén foron e son letras galegas.