UNHA IDADE ÁUREA

La Voz

TELEVISIÓN

CÉSAR MORÁN, cantautor o autor da escolma desta antoloxía da lírica medieval

13 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando os escritores galegos do século XIX inician o proceso de recuperación cultural que chega aos nosos días, o Rexurdimento, ignórase o esplendor que a nosa literatura tivo na Idade Media, e sobre todo descoñécense aínda os textos que nos legaron os Cancioneiros, pois estes, verdadeiras antoloxías da mellor poesía medieval, non se difundiron ata o século XX, se ben as primeiras edicións parciais e minoritarias datan xa do XIX. A escuridade e o silencio en que se encontra a cultura galega durante máis de trescentos anos levaría mesmo á perda non só dos documentos escritos, senón tamén a noción da súa existencia. Así, non serán infrecuentes no século XVII voces alusivas á falta de poetas galegos, contrastando coas palabras do marqués de Santillana, quen no século XV rendía tributo á lírica galego-portuguesa anterior, recoñecéndolle a primacía e o valor estético que hoxe a historia e a crítica literaria non lle poden negar. Entre os últimos anos do século XII e a segunda metade do XIV desenvólvese con intensidade no noroeste peninsular a máis importante lírica en lingua romance ao lado da provenzal. Baseada inicialmente na poesía popular feminina que dera orixe á cantiga de amigo, foi recollendo influencias do chamado «amor cortés» que se manifestou na subtileza da cantiga de amor, e soubo dotar a este sentido lirismo amoroso do contrapunto da ironía nas cantigas satíricas que os propios trobadores chamaban de «escarnho» e de «maldizer». Estes xéneros principais, escritos e cantados en lingua galego-portuguesa, eran ante todo a expresión poética dun pobo monolingüe, mais o prestixio acadado no occidente europeo fixo que os poetas de Castela, como Afonso X o Sabio, e en xeral de toda a península, compuxesen na mesma lingua de Martín Codax, de Pero Meogo ou de Fernando Esquío, a mesma que hoxe serve de base ao verso dos poetas galegos. Trátase, pois, dunha época brillante para a literatura galega, sen dúbida a máis brillante: a súa idade áurea.