A declaración institucional do 2002 como Ano de Frei Martín Sarmiento xa é oficial, trala aprobación pola Xunta de Galicia do decreto correspondente, toda vez que é o autor ó que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano. A declaración implica a obriga das institucións públicas, centros de ensino, bibliotecas, asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de dedicar unha parte das súas actividades a poñer de relevo a obra deste erudito do século XVII, pioneiro no estudio e promoción da lingua e da cultura galegas, criado en Galicia pero nacido en Villafranca del Bierzo. O lugar e data de nacemento de Sarmiento deu pé a un leve pero significativo incidente, cando o Presidente da Xunta, Manuel Fraga, que anunciou este acordo na rolda posterior ó Consello, deixou en evidencia un erro da Secretaría cos Medios de Comunicación. Por un equívoco, a nota que leu Fraga referíase a un escritor nacido en Ourense (Eladio Rodríguez González, homenaxeado o ano pasado co Día das Letras Galegas) e non no Bierzo, que é o caso de Frei Martín Sarmiento. Fraga rectificou sobre a marcha a nota que xa se entregara os medios de comunicación. Obra de Ir Indo Tamén como preparación para o Día das Letras Galegas xa están empezando a saír libros sobre Sarmiento. Así, Pilar Allegue é a autora da obra Frei Martín Sarmiento, publicada por Ir Indo e que leva por subtítulo Pensador, crítico, científico, filólogo, educador. Este libro forma parte da colección de Ir Indo Galegos na Historia.