ESCRITO CO CORAZÓN

La Voz

TELEVISIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO, intelectual galeguista

06 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Este libro escrito entre a Guerra Civil española e o exilio é un documento sabio e político, sen pretensións académicas nin de preeminencias escrito co corazón cheo de nostalxia e cordialidade, que abrangue os principais coñecementos para significar historicamente a situación da nosa terra sen caer nas vaguedades dos especialistas. Se Castelao fai algunha referencia a arte, literatura, poesía, faino polo compromiso que pode ter coas causas xustas de Galiza. El, rompedor da arte costumbrista e que deu pulo a unha arte renovadora que presentaba a nosa realidade, non escribiu de elo unha soa liña na obra. Abondan referencias a institucións e feitos políticos ricos en datos da antropoloxía galega; libros, xornais e retrincos da sorte histórica de Galiza. Hai 80 chamadas a Catalunya, 70 a Euzkadi, 100 a Portugal e 120 a Castela, nas que Castelao tira as relacións políticas e sociais de Galiza cos pobos ibéricos e co resto do mundo. A súa visión do futuro, baseada nos seus coñecementos, é paradigmática. Foi neste libro onde aparece por primeira vez o fundamental do Alba de Groria. Saíndo de Marsella no barco que o leva a Buenos Aires logo da peripecia do goberno Giral. Vai ferido polo mal do que morrería dous anos despois. Pasa diante das costas da Iberia e leva perdida toda esperanza. Os 64 persoeiros que fai desfilar na Santa Compaña dos seus soños recórdanlle que Galiza pode contar con eles unha grande historia, mais se afirma que ninguén deles nin todos xuntos ergueron a intransferible autonomía moral da Galiza á categoría de feito indiscutible.