Siro López, entre os galardoados cos premios Galicia de Comunicación

REDACCIÓN SANTIAGO

TELEVISIÓN

10 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Os premios Galicia de Comunicación que concede a Xunta de Galicia xa teñen gañadores. O xurado desta niva edición, presidido polo decano da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, Alberto Pena, decidiu concederlle o premio ó mellor labor de comunicación en medios galegos impresos ó xornalista e escritor Raimundo García Domínguez Borobó, en recoñecemento a unha longa traxectoria profesional na que figuran a de dirixir o último xornal vespertino galego, La Noche. No debuxante e caricaturista de La Voz de Galicia Siro López recaeu o premio ó mellor labor de xornalismo gráfico en medios galegos impresos, e un dos principais expoñentes do humorismo gráfico actual. Siro López é autor dunha extensa obra, na que se atopan títulos como Humor 71, Pobres homes, Os pecados capitais, Homes e mulleres e Coas raíces na terra, entre outros. Galegos en Madrid O galardón ó mellor labor de comunicación sobre Galicia no ámbito estatal e internacional foi para o Club de Periodistas Gallegos en Madrid, que preside Ramón Pernas. No apartado de radio, o premio compárteno o programa Sempre en Galicia, o máis antigo en lingua galega, e Radio Carve de Montevideo, a emisora dende a que se emite o devanditoo espacio desde o 5 de decembro de 1950 para Uruguay e Arxentina. O premio Galicia de Comunicación en televisión foille concedido á longametraxe O bosque animado, da productora Dygra Films, que contou para este proxecto coa colaboración de Vía Digital, Antena 3TV e a TVG. A empresa premiada na edición deste ano polo esforzo no campo da comunicación foi o Grupo Zeltia, á que o xurado tamén lle recoñece ó empeño no ámbito da investigación, e en especial o recente descubrimento de novos fármacos antitumorais. Os galardóns serán entregados o próximo día 21 no Gran Hotel de A Toxa.