Novas propostas para revitalizar a data

La Voz

TELEVISIÓN

08 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

¿Está esmorecendo o Día das Letras Galegas? Esta foi a pregunta que La Voz de Galicia presentou ós seus lectores, para que estes envíen as súas propias suxerencias acerca de como revitalizar esta celebración tradicional e para que realicen a proposta dun símbolo que, ó xeito da rosa das letras catalanas, identifique e popularice a data máis aló dun acto institucional. Estas son as ideas dalgúns lectores. Traducir ós clásicos universais. «Penso que unha lingua para ser chamada como tal ten que traducir ós clásicos universais, e a lingua galega aínda non ten feito tal cousa». É a opinión de María del Mar Rodríguez Álvarez. A súa proposta é a de traducir no Día das Letras Galegas as obras importantes dun clásico, e vendelas xunto coa obra do autor recordado. Así, a data sería unha dobre homenaxe, galega e ademais universal. Maior presencia audiovisual. «Recupera-los arquivos cinematográficos e sonoros deses autores ós que homenaxeamos e difundilos pola canle pública galega». Eugenio Álvarez Fernández cre que Castelao, Cunqueiro ou Otero Pedrayo a penas teñen eco nas programacións da Televisión de Galicia. Este lector vai máis alá e di que Galicia precisa vender a súa cultura alén da mensaxe de «comida, comida e máis comida» das promocións turísticas, e crear unha imaxe de cultura coma a que ten Irlanda, que promove a autores coma Joyce, Beckett ou Wilde. «O coñecemento e promoción da nosa cultura dignifícanos coma pobo ante os ollos do mundo e ademais é rendible», conclúe. Unha festa de vintecatro horas. Trini Villar Gutiérrez opina que é necesaria unha maior coordenación entre os concellos e mailas asociacións culturais e veciñais. «O principal é ter ganas de facer algo», suliña Trini, que propón que o 17 de maio sexa un día «de non parar», con actividades as vintecatro horas. Entre as sús ideas atópanse a distribución de libriños gratuítos, a celebración de concertos de música galega, de tódolos estilos, ademais de actuacións de contacontos e xantares populares. Esta lectora propón que a festa non se limite a unha zona dos núcleos urbanos, senón que as letras galegas tomen o maior espacio posible das cidades nas que se celebre a data.