O acordo da Academia de rexeitar a reforma do galego «é de sentido común», di a Xunta
TELEVISIÓN
O Goberno autonómico remite á RAG toda a responsabilidade, «porque os asuntos da lingua non son de compromiso político» O goberno galego lembrou onte por boca do seu presidente en funcións, Manuel Fraga, que a Real Academia Galega, «contra o que algúns dicen», é a que ten conferida por lei a facultade de aprobar as normas lingüísticas do galego, as que están vixentes e as posibles reformas. Daí que Fraga negara calquera conflicto político no rexeitamento por parte da RAG do cambio de normativa, e que interpretara a decisión de non aprobalo «de sentido común» e como unha responsabilidade «das persoas autorizadas» para facelo. Fraga, que recordou que o voto dos académicos é secreto, dixo que Ferrín votou «en contra das teses desa proposta».
29 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Contra dos que din que hai un conflicto político na reforma da normativa oficial do galego, Manuel Fraga dixo, trala reunión do Consello, que a Academia «é a que ten por lei a facultade de aprobar esas normas e por agora as que están vixentes, e non hai ningún conflicto político, como se pode ver». Tamén dixo que «en contra das teses desa proposta dos institutos de certos lingüístas votou o señor Ferrín, que creo que non será sospeitoso de estar en ningunha extrema dereita nin de ser un servo do fascismo, como se permitiu decir de min un dos líderes derrotados». Insistiu Fraga en que «a Academia está no seu sitio, tivo un voto secreto, amplo, polo visto, maioritario». As cuestións da lingua «non son asuntos de compromiso político. Son asuntos precisamente para que unha Academia, que para eso está, tome determinacións que crea convintes. Nós xa dixemos que aceptariamos as que foran». «Non podo negar -continuou Fraga- que neste momento pensamos que xogar con asuntos desta natureza é volver de vez en cando con propostas que xa se viu que neste momento non poden ter máis que un efecto: Separar aínda máis o sermo nobilis que eles propoñen, que en definitiva é dividir o galego, que se poda falar de varias maneiras, e o sermo rusticus, o que falan os paisanos. Pois é un erro. Pero este non é ningún tema político, senón de senso común e das persoas autorizadas. Se a Academia Galega non é a que ten que ter a última palabra entón que digan quen é. Ó mellor é a señora García Negro».