Del Riego desexa ter mais tempo para ler e explica que a lectura é «o que fixen toda a miña vida, porque desde os 15 anos non deixei un día de ler. Aínda que chegara canso á casa tiña que facelo». -¿Qué le? -Volto sempre os novelistas do XIX e ós clásicos. E sinto curiosidade polo que ten alcance na actualidade. En galego, por exemplo, Méndez Ferrín, que é un escritor de gran sensibilidade e cultura. Xa non leo, como antes, todo o que me caía nas mans. -¿Non é de televisión? -Non teño paciencia. Vexo telexornais e algún partido cando xoga o Barça, o Madrid, o Celta e o Dépor. É dicir, os equipos que fan fútbol. Gústame o espectáculo. -¿Que lle parece o galego da TVG? -Algúns locutores deberían perfeccionar o idioma. Poucos falan galego con corrección. A inmensa maioría estrágano. -¿Lévase ben cos ordenadores? -Teño un grande respecto polo avance tecnolóxico, non o practico pero poñoo en funcionamento. Eu escribo a máquina e a man, pero por hábito. Utilicei moito o sistema epistolar. Houbo anos en que recibía e escribía unha enchenta de cartas, pero o vou reducindo. O tempo cómeme. -¿Galiza ou Galicia? -Galicia é unha palabra utilizada documentalmente na Idade Media tanto como Galiza, que se incorporou ó castelán. Non ten nada de castelanización. Ó revés. E Galiza é respectable. Está documentada. -¿Qué opina das novas palabras incorporadas ó diccionario da RAE? ¿Flipa ou parécelle guay? -Eu nunca utilizaría a palabra guay. Eso é cuestión de filólogos. Popularizáronse e acéptanse, pero non é corrente no galego. -Seica nunca quixo ir á televisión ou á radio... -Nunca me apeteceu. Sistematicamente me neguei desde o principio. Ir de figura e que me maquillen non vai co meu temperamento. Son cousas para os que queren promocionarse, eu non busco nada xa.