Ir Indo publica o texto con ilustracións a cor en colaboración con La Voz de Galicia e Ámbito Cultural A obra gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, «Unha presa de terra», de Marilar Aleixandre, foi presentada onte en formato libro nun acto no que tódolos protagonistas coincidiron en destacar a iniciativa do xornal de recuperar un xénero de tan longa e esquecida tradición como as novelas publicadas día a día na prensa. O libro, editado por Ir Indo, está ilustrado por Juan Carlos Abraldes, o debuxante que visualizou cada capítulo nas páxinas do diario no mes de agosto.
04 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ademais da escritora e o debuxante participaron na presentación o director de Ámbito Cultural de El Cortes Inglés, Ramón Pernas; o director de La Voz de Galicia, Bieito Rubido; o director de Ir Indo, Bieito Ledo; e a escritora e crítica literaria Rosa Aneiros, para a que un dos méritos da novela é que xoga tan ben cos ritmos de lectura que se nota que Marilar tamén é poeta, ademais de construír personaxes redondos «e as mulleres non son só un contrapunto». Ramón Pernas abriu as intervencións saudando a conxunción de esforzos entre unha editorial, unha empresa periodística e un centro comercial para sacar un producto cultural, que terá continuidade coa edición das tres novelas finalistas do certame, dúas a cargo de Ir Indo e outra de Xerais. Que xornalismo e literatura se entenden ben é, segundo Bieito Rubido, unha das leccións que aprenderon coa iniciativa dos Relatos de Verán. A outra foi descubrir que os lectores de La Voz de Galicia «son activos e creativos». Suliñou que a relación entre xornalismo e literatura non é unha novidade en La Voz, que cando empezou a editarse, en 1882, xa publicaba folletóns, e porque uns anos despois creou a Biblioteca Gallega. E anunciou que esta interrelación non é pasado nin presente, «senón que tamén é futuro». Bieito Ledo reflexionou sobre o pracer de compartir a lectura dun libro, porque conleva unha suma de participacións para facelo posible.