É o momento de abordar cuestións como a diferenciación entre exiliados e emigrantes. O profesor Xosé Luis Axeitos defende esta liña de investigación, convencido de que «o exilio sen utopía non existe», e porque, lembrando unha frase de Luís Seoane, foi a consecuencia «dun soño colectivo traicionado». Axeitos fixo un recorrido polo exilio, que titulou Un mapa de cicatrices, a partir de testemuñas de epistolarios inéditos que desvelan as afrentas que sufriron nos países de acollida e en Galicia Seoane, Lorenzo Varela, Carmen Múñoz, Rafael Dieste e Daniel Calzada entre outros. Na sesión da mañá interveu o historiador uruguaio e investigador da historia de Galicia Carlos Zubillaga. Este neto de galegos e autor dun dos tres libros emblemáticos do nacionalismo El problema nacional de Galicia, editado en Montevideo en 1974, deixou claro que o exilio galego en Montevideo «no fue una prolongación del de Buenos Aires, fue autónomo y no subsidiario». Explicou que as pecularidades débense a que, a partir de 1942, no seu país houbo unha apertura política máis favorable ó exilio que na Arxentina gobernada daquela por Perón. Zubillaga é dos que defende a sintonía entre emigrantes e exiliados, sobre todo pola axuda e colaboración que lles prestaron ós republicanos as estructuras creadas polos emigrantes, entre os que había defensores da República. É a mesma teoría defendida pola directora do Arquivo da Emigración, Pilar Cagiao, que na ponencia que centrou a xornada afirmou que os exiliados contaron con comunidades creadas antes do 36, «que se transformaron en núcleos de loita contra o franquismo». E a de Neira Vilas, que narrou a súa experiencia no exilio en Bos Aires, «anos definitivos para a miña formación». O congreso O exilio galego clausúrase hoxe con varios actos en O Castro, Sada, donde o Consello da Cultura Galega presenta a base biobibliográfica dos exiliados, e en Betanzos, donde está previsto que o profesor Alonso Montero presente o libro Homenaxe ós mártires de Betanzos.