O rei Midas da literatura

CONCHA PINO

TELEVISIÓN

Italia é o último país que quedou rendido diante do fenómeno Paulo Coelho (Rio de Janeiro, 1947). O seu primeiro best seller foi a novela El Alquimista, pero a gloria chegoulle gracias ó poder espiritual que descubriu cando decidiu facer o Camiño de Santiago, no ano 1986. «Aí empezou todo», como recoñece o escritor, porque foi o libro no que recolleu aquela experiencia, O Peregrino, o punto de arranque da súa fulgurante carreira. Tiña, daquela, 39 anos, polo que el mesmo se define como escritor de vocación tardía. Para chegar ó nivel de éxito que ten dende hai uns anos, Coelho xa tiña «peregrinado» polo mundiño artístico. Antes de sentirse tocado pola maxia do Camiño, este home miudo de recortada barba branca e maneiras afables, que agora anda cunha axente-secretaria pegada ós calcañares, compuxo cancións para cantantes tan populares no Brasil como Elis Regina e Raúl Seixas, escribiu e dirixiu obras de teatro, guións para televisión e traballou como xornalista. E ata foi hippie, como suliñan os seus biógrafos, pode que como sinal da súa visión cósmica. Coellho, e dinno os críticos, fálalle ó corazón da xente. Tiña que haber un segredo, porque non é fácil chegar ó corazón de tantos e tan dispares lectores en todo o mundo. Porque o escritor de Rio non vive das rendas do alquimista da súa primeira novela. Como un rei Midas, converteu todo canto escribiu na década dos 90 en éxito. Arrasou en ventas: Brida, Las valquirias, Maktub, La quinta montaña, El manual del guerrero, Verónika decide morir, o segundo libro máis vendido no mundo, con nada menos que 27 millóns de exemplares, e ata a compilación da columna diaria que publica nun xornal, A orillas del río Piedras me senté y lloré. Polo mesmo camiño vai El demonio y la señora Pryn, a súa última novela.