«Un home é un home» é o título do libro e «Alfa, Mike, Óscar, Romeo», o das narracións curtas Manuel Rivas elixiu unha fotografía dun cativo fumando un cigarro diante dun hórreo para a capa da reedición de «Un millón de vacas», que inclúe un conto novo, «Madonna». Pero a imaxe tamén lle deu o título da que será a súa nova novela, na que traballa «sen prazos»: «Un home é un home», unha historia de iniciación e de perda da inocencia. O escritor prepara ademais un libro de relatos, ó que xa bautizou como «Alfa, Mike, Óscar, Romeo», é dicir, «Amor» na fala dos mariñeiros cando empregan o radioteléfono.
27 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un home é un home é un dito popular moi escoitado en Galicia. Tamén é o nome co que se identifica unha fotografía que se atopa no Arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense, e que ilustra a reedición de Un millón de vacas. A mirada do neno anónimo que se refuxia baixo un hórreo para tirar dun cigarrillo foi a que cativou a Manuel Rivas e lle deu o título dunha novela na que traballa «sen prazos». «¿Onde está mirando, con ese xesto adulto, co pito na boca? Pode estar ollando lonxe, preto, ó futuro. Tamén ó ceo». Manuel Rivas (A Coruña, 1957) fala do libro como unha historia «en parte de iniciación, pero tamén de perda total da inocencia». O escritor di que a novela «vai medrando por dentro, como as hedras. A historia madura, está viva, cando falan os personaxes». Ademais da novela, o escritor prepara un volume de relatos, que xira ó redor de «iso tan misterioso pero tan queimado como o amor». Pero amor dito ó xeito dos mariñeiros cando falan polo radioteléfono: «Alfa, Mike, Óscar, Romeo». Rivas escoitou esta xerga en alta mar e lle pareceu unha nova lingua para falar do mundo, e estrear unha linguaxe para falar do amor, válida sobre todo para a súa pescuda literaria: «A función da literatura é facer arqueoloxía dos sentimentos, excavar de novo para atopar o sentido das palabras». As historias que darán forma a Alfa, Mike, Óscar, Romeo participan da visión que ten Rivas de aunar literatura e xornalismo, xa que se están publicando como columnas.