Xosé Neira Vilas, novo membro da Real Academia Galega
02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Xosé Neira Vilas «oira algo de que andaba por ahí nun borrador, pero non sabía nin que era hoxe (por onte) a reunión da Academia». Agradece a Alonso Montero, Fernández Rey e Santamarina que fixeran a proposta e o pleno que aprobara a elección. -¿Cómo recibe a noticia? -Pois é difícil dicir algo. Resulta moi honrosa esta elección que será para poder traballar naquelas disciplinas que esten o meu alcance. Teño que decir que satisfáceme moito porque a designación é a un emigrante, aparte da miña obra literaria. -¿En que lle gustaría traballar? -Sería boa cousa a de proxectar á Academia na emigración e, tamén, intentar traer o presencia de Galicia na emigración. Foi moito o traballo que se fixo na diáspora a favor da cultura galega. -A Academia xa naceu «emigrante». -Efectivamente, nace na emigración, en La Habana. A súa alma foi aquel obreiro litógrafo ferrolano, Xosé Fontenla Leal. Eu recollín isto nun libro que publiquei o ano pasado sobre Murguía e os galegos de La Habana. Durante moitos anos desde La Habana sostíñase con cartos a Academia. -Con vostede, ¿entran tamén na Academia os nenos labregos? -Si, eu son fillo dun labrador e traballei na terra ata ós 15 anos. Despois estiven empregado aquí o lado, pero andiven arando, segando, gradando e facendo viño. -¿Perdeuse esa Galicia da terra? -¡Non! Eu desde aquí da casa estou vendo, ó outro lado do río Ulla, leiras traballadas. Aquí a biblioteca pública de Gres veñen rapaces buscar libros para ler cando van coas vacas. Os nenos labregos de agora visten mellor, comen mellor e traballan a terra con maquinaria. Pero sí, aquel rapaz labrego ven conmigo á Academia.