Cando empezan a agromar promesas e propostas electorias, o deputado de Esquerda de Galicia Xosé Manuel Pazos lémbralle á Xunta que, a punto de rematar a lexislatura, a promesa de crear a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia «é papel mollado». Achaca o incumplimento «á falta de vontade política» para poñer en marcha unha iniciativa na que o Consello da Cultura Galega «lle deu o traballo feito». O reproche do deputado de Esquerda de Galicia, sustentado nunha proposición non de lei para o seu debate en pleno, apela á responsabilidade do conselleiro de Educación e insta á Xunta a dar os pasos para poñer en marcha os estudios de arte dramática «cando menos no curso 2002-2003». Pazos fai referencia ó informe elaborado por unha comisión técnica do Consello da Cultura, «unha proposta de implantación moi axeitada ás necesidades do país», e lamenta que Galicia estea «no furgón de cola» con respecto a un sector «en claro proceso de normalización e expansión». Sete centros no Estado No Estado hai sete centros das características do que prantexa o informe do Consello da Cultura, presentado polo presidente deste organismo ó da Xunta a finais de 1998. A petición de Fraga, a mesma comisión fixo un estudio dos costes que suporía a implantación paulatina destes estudios. A tenor daqueles datos, Xosé Manuel Pazos di que as cifras «son perfectamente asumibles» por Educación, porque ascenderían a noventa millóns de pesetas no primeiro ano, a 150 millóns no segundo e a 180 millóns no terceiro, incluíndo profesorado e equipamentos. A comisión técnica do Consello da Cultura, na que ademáis de profesionais do teatro e especialistas no eido académico participou un inspector nomeado pola Consellería de Educación, deixaba aberta a localización da Escola. Pero Santiago era a cidade co perfil idóneo, seguida de A Coruña, por canto na capital de Galicia está a sede do Centro Dramático Galego, a TVG, as dúas únicas salas estables e privadas e un bó número de compañías profesionais. Contar co apoio do Concello barallouse como unha baza esencial, e o de Santiago amosou a súa disposición, por escrito e en reunións coa consellería. Un espacio físico ofertado por Raxoi foi o colexio de xordos, pero Educación parece que ten outros plans para o edificio. No seu caso, puxo a disposición da Consellería de Educación as diferentes reservas de chan para levantar un edificio específico, pero a decisión sigue pendente.