Aspirantes con anos de espera

La Voz

TELEVISIÓN

19 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A chegada de Francisco Fernández del Riego fixo que un grupo de intelectuais que levaba anos esperando para ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, na que estaban admitidos como membros numerarios, cumpriran este trámite. Así, cinco persoas, Franco Grande, Ramón Lourenzo, Antón Santamarina, Andrés Fernández Albalat e Xaime Isla Couto formalizaron o seu ingreso na Real Academia Galega, un paso retrasado por cuestións que non sempre eran estrictamente académicas. Fernández del Riego é contrario a todo tipo de política dentro da entidade que preside e por iso intentou que estes cinco intelectuais ingresaran na Academia. Foi unha das accións que desenvolveu nestes case catro anos, para os que foi elixido despois de poñer como condición que o acordo fora tomado por consenso. Reforma dos estatutos Outra das iniciativas de Del Riego foi a de actualizar os estatutos da Academia, que se seguía rexendo polo aprobados cando se fundou e que tiña artigos tan obsoletos como fixar que o presidente da institución tiña que residir na Coruña. Esta reforma tivo que ser aprobada polo Ministerio de Educación pois a entidade non foi transferida á Xunta e segue dependendo do Goberno central. Xunto coa aprobación desta reforma dos estatutos fíxose un novo regulamento de réxime interno. Falando do traballo feito, Fernández del Riego cita tamén o rexistro e catalogación dos fondos da Real Academia. Este é un pequeno tesouro, para algúns unha das mellores bibliotecas de Galicia, formado por máis de 42.000 monografías, uns 16.000 folletos e máis de 1.500 títulos de revistas. A mellora do servicio de publicacións da Academia é outra das melloras destes últimos anos.